Puntuación: 1.9/5 (38 votos)
Cando un colle nas mans este libro, recrea e revive a historia daquela universidade do século XIX na que a ciencia se foi institucionalizando paso a
paso, ás veces entre grandes atrancos. Así, a creación da Cátedra de Historia Natural e do seu Gabinete, xermolo do actual Museo "Luis Iglesias", móstrasenos
como froito da sensibilidade e o empeño colectivo dalgúns dos
profesores máis dinámicos e activos dunha Universidade compostelá que, xa por aquela, en 1840, levaba ás costas máis de tres séculos de historia.
Nesa épica loita pola modernización e a renovación científica,
impresiona o recurso ás coleccións e xardíns particulares para poder iniciar, canto antes, o ensino da nova disciplina, e o incansable
labor do profesor Antonio Casares Rodríguez, que foi rector de
1873 a 1888, no deseño e formación do Gabinete de Historia
Natural que nacía como apoio imprescindible para a docencia.
Outro exemplo da efervescencia e o dinamismo dunha universidade que nesa época se renovaba axiña, tanto na orde académica coma institucional, é a viaxe a París de quen tamén foi rector da
nosa Universidade, Juan José Viñas, en 1845, para mercar persoalmente o instrumental científico para as cátedras da Universidade.
Froito desa viaxe foi a compra da colección de "animais-tipo", importante naquel momento para a consolidación do Gabinete e,
aínda hoxe, parte relevante dos fondos históricos do Museo
"Luis Iglesias" da Universidade de Santiago de Compostela.
Neste libro preséntasenos a transformación do antigo Gabinete
de Historia Natural no actual Museo, ó tempo que van aparecendo as pegadas dos numerosos científicos galegos que, dun xeito ou
doutro, colaboraron en converter o Museo nun centro de referencia para a historia da ciencia española. A través das súas coleccións
podemos comprender e admirar o traballo dos máis relevantes
naturalistas do pasado, como Víctor López Seoane, Isidro Parga
Pondal, José Rodríguez, etc., e tamén observar de preto os resultados das investigacións máis recentes realizadas por distintos
departamentos universitarios. Outras coleccións, como a de modelos cristalográficos realizada por un dos científicos que máis
contribuíu ó desenvolvemento da Cristalografía, o abade Haüy, sitúan o Museo nun importante nivel entre os museos de historia da
ciencia en Europa.
Mais se o Museo universitario destaca sobranceiramente non é
só polas adquisicións e o traballo do seu profesorado, senón polas
coleccións procedentes da xenerosidade e o esforzo de moitos
particulares. As doazóns realizadas ó longo dos anos, moitas por
estudiosos naturalistas, como os antes citados, pero moitas tamén
por emigrantes galegos sen especial preparación, evocan a historia
social e persoal dos que viron na ciencia e na realidade diferente
dos "novos mundos" a base do progreso da nosa sociedade.
Nas últimas décadas, a conservación e o estudio do patrimonio
científico veñen recoñecéndose socialmente como un paso significativo na recuperación da historia dos pobos e no seu desenvolvemento cultural. A sociedade galega ve hoxe a súa realidade reflectida e peneirada pola historia das institucións que durante séculos
forxaron e educaron ás xeracións que sentaron as bases da nosa
realidade actual e da nosa identidade colectiva.
A Universidade de Santiago de Compostela non podía nin debía
ser insensible a este proceso, xa que falar do Museo de Historia
Natural "Luis Iglesias" da Universidade de Santiago é falar da
historia da universidade, pero é tamén falar da historia de Galicia
nos dous últimos séculos. O museo acolle hoxe o conxunto de patrimonio histórico científico máis importante de Galicia, sendo o único Museo de Historia Natural propiamente dito existente na nosa terra.
[fragmento do limiar de Senén Barro Ameneiro. Rector da USC]