Puntuación: 1.7/5 (47 votos)
Hai uns dez anos que naceu un novo modo de entender o significado da literatura galega de vangarda e case apareceu definido o lugar que Galicia ocupou no quebracabezas dos ismos europeos. Grazas a estudos asinados desde entón o feito das vangardas galegas comezou timidamente a se afastar das dúas grandes figuras ás que, tradicionalmente, estaba adscrito case sen remisión: Manuel Antonio e Amado Carballo.
Este volume é froito dunha tarefa que pretende ofrecer outra visión do fenómeno do vangardismo literario: a dun vangardista, Evaristo Correa Calderón, plenamente consciente do seu papel como incitador que, á par, axuda a perfilar o protagonismo de Galicia nos ismos penisulares e, por ende, europeos. Nada ou case nada se tratara sobre o panfletarismo que inzou o carácter do pai da vangarda galega, polo que conviña rescatar aquela faceta manifestaria do primeiro vangardismo galego, completar a visión sobre o feito literario das vangardas galegas. A imaxe que aquí se ofrece é a dunha nación repleta de arelas rupturistas, consonte aos plans emerxentes dos ismos do momento, na que o protagonismo de Correa constitúe un espazo de obrigada referencia e, por tanto, de obrigada análise e estudo. Trátase de subsanar unha lagoa na crítica galega actual.
[Contracapa do libro]