CRÍTICAS SOBRE Narrativa / 128
SOBRE O LIBRO "O DESERTO DE NABALPAM"
A busca do ouro do coñecemento
Que ninguén abra “O deserto de Nabalpam” esperando un libro de relatos convencional porque é todo o contrario. Unha obra axeitada para aqueles aos que lles gusta a poesía chea de imaxes surrealistas. Pexegueiro afástase da convencionalidade narrativa e experimenta coa linguaxe e coa mestura de mundo real e onírico. María Liñeira aproveita o comentario da obra para dar un repaso ao colectivo Rompente, parte da nosa recente historia cultural e do que era membro fundador o autor deste libro.
SOBRE O LIBRO "ÁCAROS VERDES"
Voz feminina despois de Auschwitz
Gañadora do galardón Lueiro Rey de novela curta no 2003, esta narración de Pilar Buela supón un acercamento literario a un episodio histórico e a algúns dos seus protagonistas desde unha perspectiva de xénero inusual. A novela de Pilar Buela amosa segundo Ana Salgado unha capacidade para a introspección psicolóxica sen estridencias. Unha obra que se le con presa e coa que se recupera o pracer de ler.
SOBRE O LIBRO "CASA SKYLAB"
Benaventurados os que esperan o Skylab porque deles será o planeta da utopía
Ambientada nun imaxinario concello da montaña lucense, recrea un espazo onde os personaxes que bulen nun ámbito rural emerxen cheos de actualidade e cosmopolitismo. O xurado que lle outorgou o Xerais 2003 sinalou da obra que “partindo da súa modernidade conceptual, da súa estructura singular e polifónica, e do seu estilo rápido e tempo profundo, conecta con esa novelística galega que con Cunqueiro se enche de maxia e defuntos”.
SOBRE O LIBRO "A VIDA QUE NOS MATA"
Intrigas de balneario
Un doble crime cometido no balneario de Mondariz a finais da década dos 20 serve de trama para unha novela áxil, directa e chea de matices protagonizada por un xornalista obeso, cincuentón e descrido. Xabier López mergúllanos en “A vida que nos mata” (Premio García Barros, 2003) no pracer da novela negra con maiúsculas. Para Manuel Gago, a novela combina unha ambientación privilexiada cunha técnica narrativa intelixente e dinámica.
SOBRE O LIBRO "DESTRUCCIóN"
Entre antropoloxía e actualidade
Se reparamos en que quizais sexa o Premio Xerais o principal axente de canonización inmediata do noso sistema, e sen dúbida unhas das novas literarias máis atendidas podemos comezar por dicir que a volta do xornalista Xavier López Rodríguez á narrativa mereceu a designación como finalista do devandito galardón no 2003.
SOBRE O LIBRO "MITOS E MEMORIAS"
Mito, memoria, relato, ficción
Con este libro volve á narrativa adulta Darío Xohán Cabana sete anos despois de “Morte de Rei”(Xerais, 1996). Ana Salgado comenta o libro do chairego e a súa tarefa literaria da construción dunha mitoloxía histórica e ideolóxica a través da narración. Cabana amosa nestes nove relatos o mapa do seu universo de mitos.
SOBRE O LIBRO "RETORNO A TAGEN ATA"
O eterno retorno
En 1969 Xosé Luís Méndez Ferrín foi detido logo de atopárselle nun rexistro domiciliario o manuscrito dunha novela, "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro" dedicada ós guerrilleiros antifranquistas galegos.
A raíz daquela detención, o escritor viuse recluído durante dous anos en diferentes prisións, e daquel encerro, escribindo cun bolígrafo sobre un caderno, naceu "Retorno a Tagen Ata", datado na cadea da Coruña e Agosto de 1970.
SOBRE O LIBRO "FAUSTO"
Trato co demo
A historia de Fausto é a historia dunha época na que o home sinte que é capaz de dominar o mundo e descubrir todas as regras que o rexen. A capacidade que Goethe da ó doutor Fausto para elixir con liberdade por riba dos principios morais e relixiosos fixo que a obra non sempre fose ben recibida polos poderes fácticos. Así, en 1808 o goberno de Prusia prohibía o Fausto, esixindo a supresión das partes referentes á liberdade por consideralas "subversivas", tamén en España, no fin da guerra civil baixo a dictadura franquista, prohíbese a venta do libro en todas as librerías.