O túnel de Montefurado, herdanza romana no río Sil

16 Abril 2014, , en Sen categorizar, By ,,, ,

Bos días a todos Lemeiros/as,

Para ir quentando motores de cara a este tramo final da Semana Santa que mellor que achegarnos a unha das xoias do patrimonio cultural do Concello de Quiroga: o túnel romano de Montefurado, situado na parroquia de San Miguel de Montefurado e a quince minutos da propia localidade de Quiroga. Alí, á beira do río Sil e encaixado entre as serras do Caurel e Manzaneda, atópase unha das principais herdanzas da presenza romana en Galicia.

O túnel de Montefurado data concretamente do século II d.C., en tempos do emperador Traiano. A construción, ideada para desviar o leito natural do río e facilitar a extracción do ouro presente nos sedimentos levados pola auga, foi sufrindo diversas modificacións polos efectos da erosión e o paso do tempo, entre elas diversos derrubamentos que alteraron as súas dimensións iniciais, cunha altura de preto de oito metros por enriba da superficie da auga, unha anchura de 20 metros e arredor de 120 de lonxitude.

Curiosamente, as historias locais profundan na idea de que os romanos lograron levar a cabo esta xigantesca obra de enxeñería rachando a rocha con fogo producido pola queima dos bosques próximos ó lugar, concretamente das aciñeiras que tempo atrás poboaban a localidade que hoxe en día é coñecida como A Enciñeira.

Na actualidade, o túnel forma parte dunha ampla serie de espazos acuáticos enfocados ó uso recreativo e de desfrute da natureza, aptos tamén para actividades como o sendeirismo, as rutas en canoa e mesmo como zona de baño.

E se a visita ó túnel de Montefurado vos deixa con apetito, soamente podemos recordarvos que esta fin de semana terán lugar en Quiroga dous acontecementos gastronómicos que se fan oco na axenda cultural desta Semana Santa: a XXXII Feira do Viño, que levará a Quiroga do venres 18 ó domingo 20 ó mellor viño da bisbarra; e a III Edición de Tapas en Quiroga, que precisamente ata este venres 18 contará coa participación de vinteún establecementos locais.

A continuación deixámosvos unhas imaxes do túnel de Montefurado para ir abrindo boca.

*Fontes externas: Antonio Lomba, José Antonio Gil Martínez, @Mxmn500px.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande