Ponteceso e as orixes da inspiración de Eduardo Pondal

Ola novamente a todos Lemeiros/as,

Achégase unha nova fin de semana con moita Galicia aínda por descubrir. Hoxe queremos convidarvos a descubrir de preto un dos puntos máis emblemáticos da Costa da Morte, tanto polo seu significado histórico como polo valor cultural que outorgou o seu antigo inquilino á comunidade galega. Falamos da casa onde se criou Eduardo Pondal, escritor e bardo nado en Ponteceso no ano 1835. O seu famoso poema “Os pinos” tamén dá letra ó himno galego.

Pese a que a antiga casa de Pondal é na actualidade unha vila privada na que non se permiten as visitas, un monolito situado fronte a ela e onde figura parte do seu poema “Campás de Anllóns”, tamén é o punto de partida dos Camiños do Mar [PDF], dúas rutas de sendeirismo que, a grandes trazos, descobren o litoral e os puntos de maior interese natural e cultural da comarca pontecesá.

A primeira delas, a ‘Ruta Pondaliana’ [PDF], de aproximadamente catro quilómetros, ofrece ós turistas a posibilidade de coñecer a parroquia de San Tirso de Cospindo antes de penetrar no camiño que leva ó mirador do Monte Branco, desde onde se pode contemplar toda a ría de Corme e Laxe.

A segunda en cuestión, o ‘Camiño da ribeira’ [PDF], dunha distancia aproximada de 11 quilómetros, bordea o río Anllóns, chega ata o estuario e pasa tamén polo mirador do Monte Branco –nas proximidades da praia de Valarés-. A continuación, a ruta achégase á aldea de Gondomil –onde tamén atopamos a famosa Pedra da Serpe- e ás praias do Osmo e a Ermida, que preceden a chegada a Corme, punto final da camiñada. Preto de alí, no Faro Roncudo, ademais de romper o mar con forza, tamén se extraen os que se di que son os mellores percebes do mundo. Con razón é tentador facer o percorrido, non?

*Fontes externas: Rodrigo Teijeira, Alexandre Pérez Vigo, Miguel Navaza, rosk, Teresa García Meana.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Pedra da Serpe

8 Agosto 2013, , en Sen categorizar, By ,, ,

Un día máis aquí estamos para levarvos da man por algún dos enclaves culturais máis xenuinos da nosa terra.

Nesta ocasión traémosvos unha pedra, pero non unha calquera, trátase da Pedra da Serpe, un monumento situado en Santo Adrán de Corme (Ponteceso), e da cal se descoñece a orixe certa, barallándose opcións que van dende a época prehistórica, pasando pola romana e a medieval.

Para que vos fagades unha idea, consiste nunha pedra natural de granito co relevo dunha serpe alada, e no centro da mesma atópase erixida unha cruz tamén esculpida en pedra.

E como era de esperar tamén hai unha lenda oculta. Dise que Santo Adrán (patrón da parroquia) liberou aos veciños dunha gran praga de serpes dando un golpe co seu pé na terra e, polo visto, espantounas de tal xeito que a única saída que tiveron as pobres foi meterse baixo esta peneda, onde permanecen ata o día de hoxe.

Asique para aqueles que lles teñades reparo a estes animaliños, non vai ser que volvan sair, deixovos unhas fotografías da Pedra da Serpe para que vexades como é.

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande