O pobo de Rinlo, unha mirada ó pasado da Mariña lucense

Bos días un venres máis Lemeiros/as,

Achégase novamente unha nova fin de semana, e unha simple ollada ó Leme basta para decatarnos de que aínda temos moita Galicia por descubrir. Os nosos pasos lévannos hoxe a un dos puntos da xeografía máis oriental da Mariña lucense, concretamente á parroquia de Rinlo, situada a preto de cinco quilómetros da praia das Catedrais.

Curiosamente, fai aproximadamente dúas semanas, as estradas que levan á propia praia colapsábanse pola numerosa afluencia de turistas á zona. Moitos deles non coñecían, sen embargo, que outro dos tesouros da comarca agóchase a pouco menos dunha hora a pé bordeando unha costa dunha beleza espectacular: o antigo porto baleeiro de Rinlo. Os camiños ó leste das Catedrais son idóneos para facer a ruta en bicicleta e, sen dúbida, para espertar o apetito. E aí ven o perigo, porque o arroz caldoso de marisco que agarda á chegada á vila é de primeira.

As orixes de Rinlo datan xa da Idade Media, un tempo no que a dedicación dos seus habitantes ó mar xa estaba documentada. De feito, é xunto a Ribadeo o único porto do concello. A súa situación -en torno a un entrante do mar na escarpada costa da zona- e o pintoresco das súas edificacións outorgan un carácter especial a un lugar que, a finais dos anos 30, tamén foi o punto de partida de numerosos bous ateigados de republicanos que fuxían da Guerra Civil.

Así, Rinlo, polo envolvente da súa esencia mariñeira e as súas rúas estreitas, conserva boa parte do seu pasado, como a súa primeira cetaria natural, que data do ano 1901. Nesas cetarias, que se poden observar dando unha volta polo paseo marítimo da vila, tamén se pode atopar o principal elemento gastronómico da zona: a langosta. O marisco de Rinlo é moi apreciado polos seus visitantes, pero tamén o son as vistas dos camiños próximos, onde semella que, nalgún momento, detívose o tempo.

Ide poñendo a ton o voso Leme e, de paso que visitades a vila, achegádenos as vosas impresións en forma de comentario ou puntuación.

Boa fin de semana a todos, amigos/as Lemeiros/as!


*Fontes externas: piensaypienso, Elixio Vieites, Claire

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande