O Castelo do Cardeal, gardián da ría de Corcubión

Bos días novamente a todos Lemeiros/as,

Como seguramente a pasada Semana Santa se vos fixo curta a todos, imos convidarvos a visitar esta fin de semana un dos pequenos segredos que agocha a xeografía costeira occidental galega: o Castelo do Cardeal, localizado na Punta Pión, na parroquia de San Marcos de Corcubión e ás aforas da propia vila de Corcubión.

A construción do castelo, que data de mediados do século XVIII, baseouse na decisión de defender a ría de Corcubión de posibles ataques do exterior, tanto pola privilexiada posición que outorgaba ós buques de carga como ós da Armada, o que xa tempo atrás puxera a zona no punto de mira de corsarios e saqueadores.

O fondeadoiro vixiábase desde dúas posicións a maiores da propia batería do Cardeal, o Castelo do Príncipe -levantado sobre a Ameixenda, Cee- e o Castelo de San Carlos -en Fisterra-, unha similitude que comparte tamén a ría da Coruña, onde o Castelo de San Antón e o de Santa Cruz salvagardaban a zona mediante fogo cruzado.

O Castelo do Cardeal, que na actualidade é unha finca de recreo de uso privado, recibiu o influxo do seu derradeiro enxeñeiro, Francisco Llovet, cun foso exterior e unha entrada polo baluarte central. O edificio principal, con forma de U, ábrese cara a batería, e está nun excepcional estado de conservación. Iso si, os doce canóns que poboaban antes a fortificación xa non se atopan alí, así que aqueles que teñades pensado achegarvos a Corcubión en iate ou barco facédeo sen medo.

Xa de paso, e para coñecer o belo casco vello corcubionés, que mellor que aproveitar este venres 25 de abril para acudir á festa de San Marcos, patrón da vila e unha das de maior importancia da zona nesta tempada.

Ide facendo as vosas maletas Lemeiros/as!


*Fontes externas: Xose Troiano.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande