Ponteceso e as orixes da inspiración de Eduardo Pondal

Ola novamente a todos Lemeiros/as,

Achégase unha nova fin de semana con moita Galicia aínda por descubrir. Hoxe queremos convidarvos a descubrir de preto un dos puntos máis emblemáticos da Costa da Morte, tanto polo seu significado histórico como polo valor cultural que outorgou o seu antigo inquilino á comunidade galega. Falamos da casa onde se criou Eduardo Pondal, escritor e bardo nado en Ponteceso no ano 1835. O seu famoso poema “Os pinos” tamén dá letra ó himno galego.

Pese a que a antiga casa de Pondal é na actualidade unha vila privada na que non se permiten as visitas, un monolito situado fronte a ela e onde figura parte do seu poema “Campás de Anllóns”, tamén é o punto de partida dos Camiños do Mar [PDF], dúas rutas de sendeirismo que, a grandes trazos, descobren o litoral e os puntos de maior interese natural e cultural da comarca pontecesá.

A primeira delas, a ‘Ruta Pondaliana’ [PDF], de aproximadamente catro quilómetros, ofrece ós turistas a posibilidade de coñecer a parroquia de San Tirso de Cospindo antes de penetrar no camiño que leva ó mirador do Monte Branco, desde onde se pode contemplar toda a ría de Corme e Laxe.

A segunda en cuestión, o ‘Camiño da ribeira’ [PDF], dunha distancia aproximada de 11 quilómetros, bordea o río Anllóns, chega ata o estuario e pasa tamén polo mirador do Monte Branco –nas proximidades da praia de Valarés-. A continuación, a ruta achégase á aldea de Gondomil –onde tamén atopamos a famosa Pedra da Serpe- e ás praias do Osmo e a Ermida, que preceden a chegada a Corme, punto final da camiñada. Preto de alí, no Faro Roncudo, ademais de romper o mar con forza, tamén se extraen os que se di que son os mellores percebes do mundo. Con razón é tentador facer o percorrido, non?

*Fontes externas: Rodrigo Teijeira, Alexandre Pérez Vigo, Miguel Navaza, rosk, Teresa García Meana.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande