Torre dos Mouros, unha visita ás alturas de Carnota

Bos días a todos compañeiros de viaxe!

Nesta ocasión, a nosa primeira recomendación da semana levaranos a dar unha volta polo pasado nun dos extremos meridionais da Costa da Morte: o concello de Carnota. Alí, nun outeiro a 300 metros de altitude situado na parroquia de Lira, atópase a Torre dos Mouros, un recinto arqueolóxico que data do período altomedieval e desde onde se pode contemplar a praia de Carnota -con sete quilómetros de lonxitude, a máis longa de Galicia-.

A Torre dos Mouros está conformada por unha fortificación baseada en dous aneis de pedra de preto de dous metros de ancho, os cales delimitan un espazo de dúas hectáreas de terreo que permite controlar o arco de Carnota e os montes da Barbanza. A posición e altitude do monte, ademais de outorgar o dominio visual da zona, tamén facilitaba unha certa protección contra hipotéticos inimigos, un feito que explica, en certa maneira, a forte pendente existente tralo segundo muro.

Aínda así, non teñades medo. Para visitar o outeiro non fará falla levar a un sherpa, así como tampouco necesitaremos defensa algunha contra invasores. Abonda con manter os ollos ben abertos para non perder detalle algún dunha das paisaxes máis fermosas da xeografía costeira galega. De feito, a praia de Carnota foi escollida no ano 2008 como unha das cen mellores de todo o mundo pola prestixiosa revista alemá Traum Strände. Por algo será.

Agardámosvos alí Lemeiros/as!


*Fontes externas: Certo Xornal.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Cruceiro da Laxe Pequena

Bos días Lemeiros/as,

Hoxe queremos mostrárvos unha das grandes marabillas culturais de Galicia e da súa arquitectura popular. Esta é a constituida polos seus cruceiros, unhas 12.000 pezas xenuínas de cantería que tinguen toda a nosa xeografía. Estas cruces adoitan erixirse en encrucilladas de camiños ou entorno a algunha ermida, igrexa ou cemiterio e, por motivos moi diversos.

Dicía Castelao que “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

E xa que mencionamos a Castelao, imos mostrarvos un dos cruceiros que formaron parte do seu paso polo Barbanza. Este é o “Cruceiro da Laxe Pequena”, ubicado na parroquia de Taragoña e datado no século XVI, sendo considerado o máis antigo do concello de Rianxo. Curioso deste cruceiro é a ornamentada capeliña que posúe, onde se sitúa a Virxe, acompañada polas figuras en relevo, nas caras laterais da capela, do Santiago Apóstolo e doutro santo, probablemente San Francisco. Na cara traseira atópase o relevo de Cristo coa Cruz ás costas e, por suposto, coroando esta inédita obra arquitectónica atópase a Cruz do cruceiro. Pero o mellor é que vós mesmos o vexades.

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande