O Pedregal de Irimia, o berce do ‘país dos dez mil ríos’ de Álvaro Cunqueiro

Bos días a todos Lemeiros/as,

Hoxe imos achegarvos unha das xoias do patrimonio natural galego e, sen dúbida algunha, tamén un dos pequenos paraísos ocultos na comarca lucense das Terras de Miranda: o Pedregal de Irimia. Coñecido tradicionalmente por ser un dos puntos de nacemento do río Miño xunto á veciña lagoa de Fonmiñá, o Pedregal tamén é indispensábel para comprender o mundo literario creado por Álvaro Cunqueiro.

Situado no Concello de Meira, o Pedregal de Irimia é unha formación de carácter rochoso orixinada tras unha morrena glaciar que conformou unha estrutura semellante a unha lingua de pedras, pedras que agochan baixo elas o maior tesouro da zona: a pureza das augas do río.

Non temos moi claro se aludindo a tesouros, ademais de ás palabras, Cunqueiro tamén se refería ás augas do Miño na súa obra “Tesouros novos e vellos“, pero a bo seguro que, lendo entre liñas, tamén o son. Por certo, do susodito ensaio elaborado polo mítico escritor mindoniense cúmprense neste 2014 50 anos da súa primeira publicación.

O Pedregal, que se atopa aproximadamente a 620 metros de altitude na ladeira oeste da Serra de Meira, sitúase a apenas tres quilómetros da propia localidade de Meira, onde cada 15 días, en domingo, pode degustarse un bo polbo á feira, acompañado duns cachelos ou pan e viño.

O mellor será facerlle caso a Cunqueiro, que en “A cociña galega” xa advertía dos praceres gastronómicos da zona: “Un vello, moi amigo meu, contábame que ía á feira de Meira, e nunha taberna pagaba quince céntimos, e botábanlle nun prato dúas culleradas a reverter da salsa do estofado, con catro ou cinco anacos de pataca, e o meu amigo apartábase a facer sopas do pan que levaba de casa na salsa aquela, debaixo dunha figueira se era verán. E como el, facían moitos outros“.

Nós, por se acaso, xa imos planeando a nosa visita. Agardámosvos alí!

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande