As nosas propostas de viaxe

Mosteiro de Santa María de Oseira

24 Xullo 2013, , en Sen categorizar, By ,,,, ,

Aquí seguimos Lemeiros/as,

Hoxe decantámonos por un maxestuoso exemplo da arquitectura galega, trátase do Mosteiro de Santa María de Oseira, ubicado no concello de San Cristovo de Cea (Ourense) e cuxa existencia coñecida se remonta ao 1137.

Este mosteiro pasaría, aos poucos anos (1147), a depender da Orde do Císter, sendo a súa primeira fundación en Galicia, e a aloxar a un bo grupo de monxes franceses.

Pero esa primeira construcción artística seguiría a renovarse e a ampliarse ata o século XVIII, pasando no XIX por un etapa de abandono, motivada pola Desamortización de Mendizábal, que provocou o seu deterioro, e volvendo a rexurdir no século XX coa chegada de novos monxes a Oseira, quenes propiciaron unha loable restauración e recuperación do complexo.

O mosteiro ten moitas dependencias, entre a que destaca unha extraordinaria igrexa románica de transición, tres claustros de distinta época e estilo (O da Portería, O Procesional e o dos Pináculos) e unha sala capitular de gran vistosidade pero como se adoita dicir: mellor velo ca contalo.

Xa para rematar, recoméndovos botarlle unha ollada a “As Onzas” e a “Os camiños da vida” de Otero Pedrayo, sobre todo ao segundo, onde un monxe exclaustrado narra as orixes do mosteiro.

*Fontes externas: Patrimonio Galego, Monasterio Cisterciense de Oseira

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Catedral de Ourense

31 Maio 2013, , en Sen categorizar, By , ,

Como vai iso lemeiros/as?

Hoxe queremos mostrarvos unha das catedrais máis importantes de Galicia, igual non esa na que andades a pensar, pero tamén de gran importancia para o noso patrimonio cultural. Referímonos á Catedral de Ourense.

O templo data da segunda metade do século XII e a primeira do XIII, sendo consagrado o seu altar maior no 1188. Porén, como adoita acontecer, conta con engadidos de outros estilos arquitectónicos de épocas posteriores (románico, gótico, renacentista, barroco, neoclásico e actual).

Un dato curioso a ter en conta é que, xa en tempos do Reino Suevo fóra edificada unha primeira catedral nese mesmo lugar, conservándose daquela so os capiteis e as columnas de mármol reutilizados na fachada barroca da igrexa de Santa María Madre, ou iso se estima. O caso é que esa primeira construcción foi arrasada entre musulmáns e normandos.

Outra curiosidade é que, ao longo da época feudal da cidade de Ourense, foi empregada como fortaleza en moitas ocasións.

E mentres chegades a Ourense dende os diversos puntos da nosa comunidade deixovos unas imaxes para ir abrindo boca.

*Fontes externas: Obispado de Ourense

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Benvidos

18 Maio 2013, , en Sen categorizar,

Dende culturagalega.org queremos darvos a benvida a este novo espazo de creación e opinión, que xirará entorno a Leme.

E senón me equivoco, estaredes a preguntarvos que é Leme?

Leme é o nome dunha app móbil ideada nesta casa e desenvolvida coa colaboración da empresa Taptil. Esta app ten un obxectivo fundamental: xeolocalizar a maior cantidade posible dos elementos culturais de Galicia e servir así de guía principal para todos aqueles amantes da cultura existente no país. Empregamos como punto de partida tres bases de datos do CCG: o Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia, os Roteiros da Cultura e o Mapa das Escolas de Emigración, e con iso sumamos máis de 6000 elementos entre os que xa podes atopar desde teatros ou galerías de arte, ata equipamentos informáticos de asociacións veciñais ou todo tipo de patrimonio cultural e roteiros.

Deste xeito, a través do blog mostrarémosvos por unha banda as características e utilidades desta ferramenta cultural, dando tamén voz aos seus usuarios e, por outra banda, destacaremos habitualmente algún dos elementos culturais que nela se poden atopar dende a perspectiva da micro-reportaxe e un estilo moi ameno.

Queres participar?

Tanto os usuarios a nivel particular, como as entidades ou asociacións poden participar e incorporar contidos a Leme baixo determinadas condicións, aproveitándose das avantaxes da aplicación para difundir as súas bases de datos xeográficas. Podes consultar as condicións aquí.

A versión inicial, para iOS

Coméntovos tamén neste primeiro post que, polo momento, e a modo de proba piloto, Leme sae ao mercado estando só disponible para iPhone ou iPad (iOS), polo que a súa descarga será factible dende a Apple Store, e de xeito gratuito por suposto. Rogamos desculpas de antemán aos usuarios de Android. A versión de Android, corrixida e mellorada con respecto a esta inicial, estará dispoñible en outono de 2013. Agardamos que iso non vos impida disfrutar do contido publicado neste blog.