As nosas propostas de viaxe

O túnel de Montefurado, herdanza romana no río Sil

16 Abril 2014, , en Sen categorizar, By ,,, ,

Bos días a todos Lemeiros/as,

Para ir quentando motores de cara a este tramo final da Semana Santa que mellor que achegarnos a unha das xoias do patrimonio cultural do Concello de Quiroga: o túnel romano de Montefurado, situado na parroquia de San Miguel de Montefurado e a quince minutos da propia localidade de Quiroga. Alí, á beira do río Sil e encaixado entre as serras do Caurel e Manzaneda, atópase unha das principais herdanzas da presenza romana en Galicia.

O túnel de Montefurado data concretamente do século II d.C., en tempos do emperador Traiano. A construción, ideada para desviar o leito natural do río e facilitar a extracción do ouro presente nos sedimentos levados pola auga, foi sufrindo diversas modificacións polos efectos da erosión e o paso do tempo, entre elas diversos derrubamentos que alteraron as súas dimensións iniciais, cunha altura de preto de oito metros por enriba da superficie da auga, unha anchura de 20 metros e arredor de 120 de lonxitude.

Curiosamente, as historias locais profundan na idea de que os romanos lograron levar a cabo esta xigantesca obra de enxeñería rachando a rocha con fogo producido pola queima dos bosques próximos ó lugar, concretamente das aciñeiras que tempo atrás poboaban a localidade que hoxe en día é coñecida como A Enciñeira.

Na actualidade, o túnel forma parte dunha ampla serie de espazos acuáticos enfocados ó uso recreativo e de desfrute da natureza, aptos tamén para actividades como o sendeirismo, as rutas en canoa e mesmo como zona de baño.

E se a visita ó túnel de Montefurado vos deixa con apetito, soamente podemos recordarvos que esta fin de semana terán lugar en Quiroga dous acontecementos gastronómicos que se fan oco na axenda cultural desta Semana Santa: a XXXII Feira do Viño, que levará a Quiroga do venres 18 ó domingo 20 ó mellor viño da bisbarra; e a III Edición de Tapas en Quiroga, que precisamente ata este venres 18 contará coa participación de vinteún establecementos locais.

A continuación deixámosvos unhas imaxes do túnel de Montefurado para ir abrindo boca.

*Fontes externas: Antonio Lomba, José Antonio Gil Martínez, @Mxmn500px.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Cruceiro da Laxe Pequena

Bos días Lemeiros/as,

Hoxe queremos mostrárvos unha das grandes marabillas culturais de Galicia e da súa arquitectura popular. Esta é a constituida polos seus cruceiros, unhas 12.000 pezas xenuínas de cantería que tinguen toda a nosa xeografía. Estas cruces adoitan erixirse en encrucilladas de camiños ou entorno a algunha ermida, igrexa ou cemiterio e, por motivos moi diversos.

Dicía Castelao que “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

E xa que mencionamos a Castelao, imos mostrarvos un dos cruceiros que formaron parte do seu paso polo Barbanza. Este é o “Cruceiro da Laxe Pequena”, ubicado na parroquia de Taragoña e datado no século XVI, sendo considerado o máis antigo do concello de Rianxo. Curioso deste cruceiro é a ornamentada capeliña que posúe, onde se sitúa a Virxe, acompañada polas figuras en relevo, nas caras laterais da capela, do Santiago Apóstolo e doutro santo, probablemente San Francisco. Na cara traseira atópase o relevo de Cristo coa Cruz ás costas e, por suposto, coroando esta inédita obra arquitectónica atópase a Cruz do cruceiro. Pero o mellor é que vós mesmos o vexades.

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Cova do Rei Cintolo

22 Agosto 2013, , en Sen categorizar, By ,,,, ,

Bos días Lemeiros/as,

O lugar que nos gustaría destacar hoxe é un importante enclave natural da nosa xeografía, nada máis e nada menos que A Cova do Rei Cintolo, situada no Concello de Mondoñedo.

Trátase da cova calcaria máis grande de Galicia, con máis de 7500 metros de lonxitude, percorridos por salas, tres galerías, un pequeno lago e ríos subterráneos, e todo isto adornado por formacións xeolóxicas moi curiosas que a auga vai describindo co paso do tempo sobre un gran macizo de roca caliza.

A primeira exploración na cova levouna a cabo Villaamil y Castro, quen publicou no 1873 o primeiro plano da galería principal da caverna e, tras pasar por algunha outra, no 1954 é o Clube de Montañeros Celtas de Vigo, patrocinado polo Faro de Vigo e por Chocolates Viso, quen organiza unha expedición ao reino de Cintolo para a súa exploración e topografía.

Pero máis aló dos datos reais están os lendarios, entre eles aquel do que adopta o nome a cova:

O Rei Cintolo, dono e señor de todas as terras que formaban o Val do Brea, tiña unha fermosa filla chamada Xila, a cal estaba completamenta namorada dun conde. Ante tal situación, un menciñeiro celoso decidiu sepultar o reino de Cintolo baixo terra. E dende aquela, a princesa segue á espera de que un valente cabaleiro a volva á vida.

De todolos xeitos, a mellor maneira de descubrir os tesouros do Rei Cintolo e, quizais salvar á fermosa princesa, é visitala persoalmente.

Para abrir boca deixamosvos unhas fotografías tomadas no enclave.

*Fontes externas: Mondoñedo.net

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Mazo de Ferreiravella

Un día máis estamos con todos vós, e hoxe para facerlle honra a unha serie de elementos que forman parte do noso patrimonio etnográfico. Son os mazos ou forxas, lugares de gran importancia, tempo atrás, para abastecer de ferramentas (fouces, sachos…) o noso campo e o de Cervantes.

E para que vexades como é o conto, traémosvos a mostra dun deses mazos, O Mazo de Ferreiravella, no concello de Riotorto (Lugo).

Cabe mencionar que as Terras de Miranda eran un gran centro de oficios artesanais, destacando Riotorto pola gran concentración de ferreiros que tivo, oficio polo visto traído do País Vasco nos seus inicios. Tanto é así, que disque que, entre mazos, e máis tarde moas, muíños, e outros elementos, formaban o centro ferreiro máis importante do norte da Península, cun total de catro mazos, corenta e oito moas e dez muíños ao longo de pouco máis de 5 km no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo.

E volvendo ao noso caso concreto, o Mazo de Ferreiravella foi polo visto o máis popular de todos os do concello, o cal, despois duns corenta anos en desuso, se puxo de novo en funcionamento no 2007. E por iso mesmo, xa que está restaurado, deixámosvos unhas imaxes que, con algo de imaxinación, vos levarán a anos atrás, cando as labores do ferreiro eran un pouco máis demandadas.

*Fontes externas: AELG

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


Pedra da Serpe

8 Agosto 2013, , en Sen categorizar, By ,, ,

Un día máis aquí estamos para levarvos da man por algún dos enclaves culturais máis xenuinos da nosa terra.

Nesta ocasión traémosvos unha pedra, pero non unha calquera, trátase da Pedra da Serpe, un monumento situado en Santo Adrán de Corme (Ponteceso), e da cal se descoñece a orixe certa, barallándose opcións que van dende a época prehistórica, pasando pola romana e a medieval.

Para que vos fagades unha idea, consiste nunha pedra natural de granito co relevo dunha serpe alada, e no centro da mesma atópase erixida unha cruz tamén esculpida en pedra.

E como era de esperar tamén hai unha lenda oculta. Dise que Santo Adrán (patrón da parroquia) liberou aos veciños dunha gran praga de serpes dando un golpe co seu pé na terra e, polo visto, espantounas de tal xeito que a única saída que tiveron as pobres foi meterse baixo esta peneda, onde permanecen ata o día de hoxe.

Asique para aqueles que lles teñades reparo a estes animaliños, non vai ser que volvan sair, deixovos unhas fotografías da Pedra da Serpe para que vexades como é.

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande


O Val das Mouras

1 Agosto 2013, , en Sen categorizar, By ,, ,

Boas un día máis lemeiros/as,

Poñede o Leme a punto porque hoxe imosvos mostrar un lugar máxico de entre o noso patrimonio natural. Estamos a falar de O Val das Mouras, ubicado en terras do Courel.

O curioso deste lugar, ademais das castañas, é a historia natural que quedou soterrada baixo este impresionante souto. O caso é que existiu hai séculos unha gran caverna, pero os teitos, ao igual ca parte das súas pareces, derrubáronse, deixando paso entón a unha cuberta natural que agochou o segredo da cova, e ao mesmo tempo influiu no curioso relevo do terreo, co nacemento dos castiñeiros entre os restos da rocha caliza e a diferentes alturas.

E como xa é costume, unha atmosfera tan máxica ten que estar habitada por seres igual de máxicos, como son as mouras nesta ocasión.

Para que non teñades que imaxinárvolo deixovos unha serie de fotografías que dan boa fé do encanto natural deste lugar.

Localización:


Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande