A igrexa de Santo André de Teixido, unha porta ó Atlántico na serra da Capelada

Home  >>  Sen categorizar  >>  A igrexa de Santo André de Teixido, unha porta ó Atlántico na serra da Capelada

A igrexa de Santo André de Teixido, unha porta ó Atlántico na serra da Capelada

Bos días a todos Lemeiros/as,

Unha semana máis, e aproveitando que esta semana está o Día dos Traballadores entre medias, queremos convidarvos a dar unha volta por unha das paisaxes máis belas do noroeste galego: a serra da Capelada. Alí, na parroquia de Régoa -pertencente ó concello de Cedeira-, atópase unha das xoias do patrimonio cultural galego, a igrexa de Santo André de Teixido.

Pese a que hai fontes que xa documentan a presencia dun santuario na zona no século XII, a igrexa en si comezou a construírse no século XVI, sendo rematada en 1781. Encadrada no estilo gótico, e dotada de numerosos elementos do Barroco -como a torre do campanario-, a igrexa é o principal referente turístico dunha zona que tamén atrae numerosos visitantes polo atractivo dos cantís que se erguen sobre o océano Atlántico. De feito, con 613 metros sobre o nivel do mar, son os de maior altura de todo o continente europeo.

Conta a lenda que precisamente nun deses cantís, e a causa da intensa bruma, varou a embarcación na que ía Santo Andrés fai cousa de dous mil anos. Outras historias contan que Deus, para contentar ó Santo, envexoso dos numerosos peregrinos que ían visitar a tumba de Santiago, díxolle que a partir de entón a súa romaría sería a máis visitada, ben nesta vida ou na outra. De aí a famosa frase que di “Santo André de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo“.

Nós, por se acaso, iremos sacando tempo esta semana para ir cumprindo con Santo André e, así, que non se poña celoso. Se nos acompañades, non esquezades gozar do espectáculo que supón ver ós cabalos salvaxes que poboan os pastos próximos ós camiños dos cantís.

Vémonos alí Lemeiros/as!


Fontes externas: Elena Lostalé, Manuel Rial, Ernesto X. Paz.

Localización:

Ver Sitios recomendados en Leme nun mapa máis grande

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>