culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Conta atrás

A de Portela e San Julián e unha obra chamada a marcar un antes e un despois dentro da banda deseñada galega.

15 / 10 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Se hai pouco falábamos da emerxente demanda de cómic en galego existente hoxe en día por certo sector de lectores, parece que A Conta Atrás cae como chovida do ceo para cubrir esa necesidade.

Aínda que a definición e totalmente matizable, e tendo en conta que nin os mesmos autores teñen moi claro en que xénero encasillar o seu traballo, imos sintetizar as cousas e meter este relato dentro da categoría de novela gráfica, tan de moda nos últimos tempos.

O galego Carlos Portela ó guión, e o "galego" de adopción Sergi San Julián ó debuxo, xogan coa memoria colectiva dos lectores, en especial coa memoria colectiva do lector galego, e ofrécennos un relato que podería ser un relato totalmente de ficción, sen unha ubicación espazo-temporal definida, pero sabendo en todo momento que o lector ten as claves necesarias na súa cabeza para poñer as pezas no seu sitio. Ainda que en ningún momento se diga dunha forma clara, o afundamento do Prestige, a catástrofe natural provocada polo derrame do petróleo, as reaccións políticas e as reaccións humanas, volven como flashes ás nosas cabezas.

Coma bo tahur, Carlos Portela xoga connosco; os lectores. Sabendo que temos as cartas marcadas, danos a información necesaria para que nós mesmos poñamos os nomes ós protagonistas. Por medio de personaxes arquetípicas, que non estereotipos, todos os protagonistas saen á luz, e será tarefa da persoa que le, a de bautizalos. Para uns o mariñeiro será Pedro, e para outros o xornalista será Xoan. O teu Pedro non será o meu Pedro, pero non hai dúbida de que son tan reais o un coma o outro.

Pero ademais de estes pequenos trucos de guionista, Carlos Portela tamén nos ofrece adentrarnos por un novo camiño narrativo nunca antes visto dentro da BD galega. Cunha estrutura de narración non lineal, preséntanos o final da historia, as consecuencias, e proponnos unha viaxe en busca da orixe de todo, das causas primixenias. Unha proposta moi arriscada e pouco agradecida, posto que se o resultado final é bo, os recoñecementos para o autor no irán máis alá daqueles propios dun traballo ben feito, mentres que se o traballlo de planficación non é simplemente perfecto, a propia historia derrubaríase coma un castelo de naipes.

Persoalmente, penso que a historia funciona á perfección, coma un mecanismo de reloxeria totalmente engraxado, onde tódalas pezas do puzzle encaixan sen esforzos e onde tódalas claves están aí diante, a disposición do lector.

E se o traballo de guión funciona á perfección, a posta en escena gráfica non se queda atrás. O traballo do "tovarich" San Julián é o cemento que lle da coherencia a todo o edificio narrativo. Sen renunciar ó seu estilo persoal, San Julián pon en imaxes a realidade que todos nós temos na nosa mente, algo nada doado e que sempre ten un alto risco de fracaso. Afortunadamente, o tour de force do debuxante sobrepasa con creces tódalas expectativas, conseguindo facer as perxonaxes máis reais que a propia realidade e acadando que os lugares ficticios encaixen á perfección dentro da historia que cada un de nós temos feita dentro da nosa cabeza.

Para demostrar que os grandes traballos nacen da conxunción de esforzos colectivos, non quixera deixar escapar a posibilidade de eloxiar a edición desta obra. A editorial galega Factoría K, demóstranos que en Galicia non só temos bos autores e boas historias, se non que tamén temos os recursos necesarios para que esas historias vexan a luz da mellor forma posibel. A edición está coidada ata nos máis minimos detalles, facéndoa, se cabe, aínda máis atractiva para o comprador final. Unha proba máis de boa saúde da que goza a BD galega.

Antes de rematar, sería de xusticia lembrar a todo o mundo que A Conta Atrás é unha obra en dúas partes da que só temos a primeira, e que aínda imos ter que agardar un ano máis para ver o conxunto da obra finalizada na sua totalidade. Unha espera que, polo visto no primeiro tomo, xa paga a pena, posto que A Conta Atrás está chamada a marcar un antes e un despois dentro da BD Galega.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org