26/08/2020
Máis de trinta anos de creación audiovisual galega no (S8)
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico reforzará nesta vindeira edición o seu forte compormiso coa creación audiovisual galega como un dos piares fundamentais da súa programación. Alén das habituais seccións Sinais e Sinais en Curto, a Mostra recupera nesta edición Xerme, un espazo co que o festival busca poñer a mirada sobre os artistas seminais do cinema experimental galego nun labor de recuperación e, se se quere, de xustiza á hora de recoñecer as raíces creativas das novas xeracións. A sección Xerme revive neste (S8) edición dual con Antonio Segade e Antón Reixa como protagonistas, da man dunha selección comisariada polo crítico, escritor e o responsable de exposicións do CCCB - Centre de Cultura Contemporània de Barcelona Jordi Costa e creada en exclusiva para o festival. Durante 36 anos ambos creadores traballaron na videocreación máis ortodoxa e exploraron tamén os máis variados formatos: videoinstalación, disco/DVD, libros/DVD, televisión comercial, cinema ou publicidade.
"Falar por non calar", como se chamará a sesión, será á súa vez un programa en liña que repasará a súa traxectoria e tamén unha sesión presencial que terá lugar o 27 de setembro na Domus da Coruña. Nela recolleranse unha serie de obras en proxección monocanal envoltas entre as parénteses de dúas videoperformances dos artistas en directo nun intento de recuperar o espírito que xa mostrara Antón Reixa no grupo de comunicación poética Rompente..
Amplía a nova>>
24/08/2020
Curtocircuíto acollerá a estrea en Galicia do filme 'Lúa Vermella' de Lois Patiño
Despois da súa
premiere internacional na Sección Forum de Berlinale, a longametraxe
Lúa Vermella de Lois Patiño terá a súa estrea galega dentro do marco do festival compostelán Curtocircuíto, nun acto especial que terá lugar de forma presencial no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O Curtocircuíto, que se celebrará entre os próximos 3 e 11 de outubro en Santiago de Compostela, acollerá na súa décimo sétima edición a estrea galega do filme do cineasta Lois Patiño, producido por Zeitun Films e Amanita Studio. A proxección especial terá lugar no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e do elenco artístico da película ao xeito do que se fixera o pasado ano coa proxección de
O que arde, de Óliver Laxe. A película de Lois Patiño fará mañá martes, 25 de setembro a súa estrea estatal dentro do XXIIIº Festival e Málaga no Teatro Albéniz desa cidade competido dentro da Sección ZonaZine.
Lúa Vermella estrearase en cinemas o próximo 30 de outubro da man da distribuidora Elamedia Estudios, conta co apoio da Xunta de Galicia e Agadic e coa participación da Televisión de Galicia..
Amplía a nova>>
24/08/2020
O Chanfaina Lab cae a última hora do calendario anual
A nova vítima cultural do escenario sanitario é o encontro audiovisual Chanfaina Lab, previsto na localidade de San Sadurniño para a primeira fin de semana de setembro, que non se celebrará este ano. O alcalde, Secundino García, comunicou o pasado día 20 a decisión do executivo municipal, fundamentada na necesidade de ofrecer as máximas garantías preventivas no contexto de continuo aumento de casos positivos por coronavirus en Galicia. Parte do programa do Chanfaina tentarase acomodar na edición do ano que vén. O edil confirmou que manterá o programa de actividades e o convite aos cineastas pasándoo para 2021. O evento baséase na convivencia estreita durante unha fin de semana de setembro entre creadores e creadoras chegadas desde distintos puntos e persoas de San Sadurniño que colaboran na elaboración das pezas audiovisuais, ou que mesmo producen as súas propias curtas. O alcalde alude a que o actual contexto sanitario “racha con esa filosofía de proximidade e case de contacto físico entre participantes, parte deles de idade avanzada”. .
Amplía a nova>>
24/08/2020
Unha Culturgal para tempos de emerxencia
A Culturgal de 2020 xa ten datas e intención, amosando a cultura como un recurso esencial en tempos de emerxencia no que feira quere actuar como unha ferramenta para o sector e a sociedade. O Pazo da Cultura de Pontevedra volverá a acoller a Feira das Industrias Culturais entre o 27 e o 29 de novembro na que será décima terceira edición deste evento. Na organización da Feira, que este ano abrirá as convocatorias de postos e programación a mediados de setembro, traballase na reestruturación do evento non só desde o punto de vista socio-sanitario, senón para que a edición 2020 sexa útil. No plano físico, modificacións no acceso do público, cambios na circulación e nos escenarios da Feira e axudas económicas na reserva de postos; en canto a contidos, unha programación robusta e estruturada, que prescindirá de cantidade en favor de novidade e alcance das propostas. Así mesmo, contémplase a expansión do programa físico a través do formato online para poder chegar a máis público nun ano no que a capacidade de asistencia ao Pazo da Cultura de Pontevedra será máis reducida..
Amplía a nova>>
18/08/2020
O OUFF homenaxea ao cineasta e primeiro director do certame Eloy Lozano
A edición número 25 do Ourense Film Festival (OUFF)renderá homenaxe ao seu fundador e director do primeiro certame, Eloy Lozano (1953-2009),coa proxección da longametraxe
As belas dormentes e a publicación dunha monografía que lembra a traxectoria de quen foi unha figura imprescindible do audiovisual galego. Esta homenaxe xa estaba prevista desde fai dous anos para a edición de 2019, unha edición marcada despois polas dúbidas de realización e continuidade, que non se disiparon ata a entrada da Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo. Finalmente será este ano cando se leve adiante a homenaxe ao falecido cineasta. coa proxección da súa longametraxe e a publicación da monografía que preparou o escritor e crítico de cine Eduardo Galán co obxectivo de “reivindicar unha figura que non é suficientemente coñecida pero que é de importancia vital para o audiovisual galego”. O libro, titulado
Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz, recorda a obra de Lozano a través das conversas que o seu autor mantivo cos seus familiares, amigos e colaboradores. Tamén das súas propias lembranzas, xa que Galán e Lozano eran coñecidos e traballaron xuntos na Televisión de Galicia (TVG). A publicación formará parte do catálogo de obras propias que o OUFF recuperou hai tres anos, e que nesta nova etapa repasou tamén a traxectoria do cineasta Xavier Bermúdez e a produtora Vaca Films..
Amplía a nova>>
14/08/2020
A 15ª MICE estreará o documental 'Dorothé na vila' de Alejandro Gándara e Olaia Tubío
A pandemia forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego en Santiago volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto, e cunha fórmula mixta que xa é un estándar destes tempos en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña. Por iso, a organización optou por unha redución da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas
Trazas e
Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental
Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego.
.
Amplía a nova>>
14/08/2020
Agadic modifica as bases das súas axudas á produción audiovisual e creación escénica
A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) publicou ao longo desta semana no Diario Oficial de Galicia ata catro modificacións de anteriores convocatorias de subvencións ás industrias culturais coa finalidade de avanzar na adaptación das mesmas ao contexto actual no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. A entidade busca con isto facilitarlles ás empresas adxudicatarias o cumprimento dos requisitos inicialmente esixidos para a concesión e xustificación destas axudas. Con esa finalidade esta semana se publicaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) tres modificacións referidas ás bases para producións e coproducións audiovisuais do ano 2019, para a produción dunha obra audiovisual cara ao Xacobeo 2021 de 2018 e para creación escénica de 2020. Durante o pasado mes de xullo a axencia gobernamental xa fixera modificacións adaptadas no mesmo sentido sobre as axudas a festivais audiovisuais e as artes escénicas..
Amplía a nova>>
12/08/2020
Máis de trinta realizadores para unha nova edición do Chanfaina Lab
Unha nova edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab terá lugar entre o 3 e o 6 de setembro en San Sadurniño. Nela se darán cita máis dunha trintena de creadoras e creadores cun mesmo obxectivo: produciren alí mesmo durante os días do encontro pequenas pezas protagonizadas pola xente e os lugares da contorna local da vila. Ademais de ser escenario para as súas obras cinematográficas, San Sadurniño tamén acollerá outras actividades paralelas que forman parte do proxecto Chanfaina Lab, todas elas adaptadas ás actuais obrigas preventivas. A Praza do antigo Concello acollerá a Eira de Cineastas coa que se inaugurara o Chanfaina facendo a presentación de todas as persoas participantes, que repasarán a súa traxectoria audiovisual mostrando fragmentos -ou pezas completas- que consideran máis representativos do seu traballo. Neste mesmo espazo aberto terá lugar a proxección do filme
O que arde de Óliver Laxe. Haberá tamén un obradoiro de montaxe audiovisual, “Corte a corte” co realizador Fran X. Rodríguez. .
Amplía a nova>>
11/08/2020
A Mostra de Cinema Periférico presenta un formato dual de actividades presenciais e contidos deseñados para a rede
O (S8) Mostra Internacional e Cinema Periférico celebrará entre o 27 de setembro e o 3 de outubro a súa undécima edición explorando un novo formato dual. Nel combinará diversas performances, encontros e proxeccións na cidade da Coruña cunha serie de formatos deseñados para a súa emisión a través da web e as redes sociais do festival. Nesta edición dual, a Mostra amosará máis que nunca o seu carácter internacional: chegará a todos os recunchos do mundo con contidos en galego, castelán e inglés e reforzará especialmente o seu carácter divulgativo. Deste xeito, a formación de públicos e a descuberta de creadores e creadoras continuarán a ser dous dos eixos principais da programación do evento.
.
Amplía a nova>>
11/08/2020
Botan a andar as accións formativas do Plan de reactivación do sector cultural
A Consellería de Cultura anunciou este 10 de agosto un investimento de 90.000 euros en accións formativas dentro do Plan de reactivación do sector cultural ante a Covid-19. O organismo público asinou cadanseu convenio coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e mais Escena Galega para desenvolver diferentes programas didácticos que se desenvolverán ao longo do segundo semestre de 2020..
Amplía a nova>>