11/02/2022
Nabiza Girl volta cunha segunda entrega da súa webserie
A canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolle cinco novos episodios da webserie Nabiza Girl. Isabel Risco recupera este personaxe en
O retorno de Nabiza Girl, e enfronta esta peculiar superheroína a cuestións como os petróglifos, o mar, o ribeiro, a moda ou a dieta galega noutras tantas pezas de curta duración. O proxecto, que parte dunha montaxe teatral, desenvolveuse co apoio Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, e xa contara con catro capítulos anteriores que tamén están dispoñibles na mesma canle..
Amplía a nova>>
10/02/2022
'Cuñados' parte como favorita nos XX Premios Mestre Mateo do audiovisual
A comedia 'Cuñados', ópera prima como director de Toño López e primeira incursión na longametraxe cinematográfica da produtora galega PORTOCABO, perfílase como favorita para a vindeira edición do Premios Mestre Mateo do audiovisual galego con 16 candidaturas finalistas. O filme de terror psicolóxico ambientado no rural, 'Malencolía' do realizador compostelán Alfonso Zarauza, indiscutible gañador da anterior edición co seu filme 'Ons', entra tamén con forza como posible gañador de ata 11 estatuíñas este ano. Outra longametraxe de terror rural, a ópera prima do santiagués Javi Camiño, 'Jacinto', protagonizada por Pedro Brandariz e Anxela Baltar dá a sorpresa e acada tamén as 11 candidaturas nos premios deste ano, tras varios recoñecementos en festivais. Tras destas sitúase a serie 'Hierro', tamén de Portocabo, con 8 candidaturas. Os directores dos traballos máis votados, Alfonso Zarauza, Javi Camino, Jorge Coira e Toño Chouza, competirán polo premio á Mellor dirección. A vindeira entrega de premios audiovisuais celebrará o vinte aniversario dos galardóns con importantes novidades, tal e como se avanzou hoxe no acto de lectura dos finalistas das 24 categorías..
Amplía a nova>>
09/02/2022
Agadic adianta o seu Plan de Convenios para 2022
O Plan de Convenios da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2022 fai unha previsión de incluír preto de 900.000 euros en ata 17 iniciativas de fomento cultural. Así se fixo público nun comunicado de prensa por parte da axencia da Xunta que dá a información en avance destas sinaturas que cubrirán a organización de premios sectoriais, actividades formativas, feiras profesionais, ciclos de programación, festivais e outras accións nas que AGADIC colabora con entidades asociativas de teatro, música, danza, audiovisual, etc. A estes ámbitos hai que engadirlle a promoción do conxunto das industrias culturais galegas a través do apoio económico á feira Culturgal como principal entidade colaboradora co evento que ten lugar cada outono en Pontevedra..
Amplía a nova>>
09/02/2022
A serie Museo a ceo aberto retrata a arte urbana galega
O pasado catro de febreiro chegaba á rede o sétimo e derradeiro capítulo de
Museo a ceo aberto. Esta serie documental amosa o traballo de artistas e colectivos que promoven eventos de referencia no país no campo da arte urbana. A través das súas propias palabras coñécense as peculiaridades das diferentes disciplinas vencelladas a este ámbito..
Amplía a nova>>
07/02/2022
A Coruña abre cunha exposición o programa municipal do Ano Internacional María Casares
As bibliotecas municipais da Coruña acollerán ata o mes de novembro a mostra itinerante 'Eu son de aquí', que resume a vida e obra da actriz de orixe coruñés María Casares, así como outra vintena de actividades que teñen como obxectivo difundir o coñecemento sobre a artista por todos os barrios. O pasado venres inaugurouse esta exposición no Fórum Metropolitano da cidade herculina e contou coa presenza da alcaldesa Inés Rey. Trátase do primeiro dos actos que organiza o Concello dentro do Ano Internacional María Casares, que procura reivindicar a súa figura e as súas orixes no centenario do seu nacemento. Unha páxina web do concello permitirá consultar todo o relativo ao 2022 Ano Internacional de María Casares. Ademais diso, pola parte da Xunta de Galicia o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario', a primeira das propostas da programación especial que o goberno autonómico, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais, impulsa este ano para conmemorar o centenario da artista..
Amplía a nova>>
07/02/2022
Squirrel Media xestionará unha canle de televisión autonómica
As canles privadas de televisión autonómica semellan camiño da súa reactivación tras un perídod de inactividade de emisións. En novembro do pasado ano a Xunta publicaba as bases para un novo proceso de licenza dunha das canles dispoñibles arestora, a que deixou de utilizar a Corporación Voz. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a autorización por parte do goberno galego, referendada en Consello da Xunta tamén en novembro, para a transmisión á empresa Squirrel Media, S.A. da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva que ata o de agora era titularidade de Radio Popular, S.A. (COPE). Deste xeito a canle pasa ás novas mans de Squirrel Media, que terá que aboar no prazo dun mes unha taxa de 165.556,79 euros á administración galega. .
Amplía a nova>>
03/02/2022
Sete producións conforman o novo catálogo 'Shorts from Galicia'
A nova edición do catálogo promocional Shorts from Galicia, editado pola Xunta, ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática. Así mesmo, no catálogo conviven talentos emerxentes como Lucía Estévez ('O niño dos paxaros'), Marta Valverde ('30´70´60´120´') ou Rebeca Lar ('As árbores coñecen o son das balas') con realizadores xa consagrados como Ángel Santos ('Así vendrá la noche'), Eloy Domínguez ('Rompente') e Lois Patiño ('Sycorax', codirixida co arxentino Matías Piñeiro), ademais de incluír o debut como directora da actriz Nerea Barros ('Memoria')..
Amplía a nova>>
02/02/2022
'Código emperador' abrirá o 25 Festival de Málaga
A nova longametraxe da produtora coruñesa Vaca Films, dirixida por Jorge Coira, é a elixida para abrir coa súa proxección a 25ª edición do Festival de Málaga, unha das grandes plataformas do cine producido en España. Será o vindeiro 18 de marzo na cidade andaluza cando a película 'Código emperador' protagonizada polo lugués Luís Tosar se exhiba nunha gala inaugural que terá lugar no Palacio de Deportes José María Martín Carpena, co obxectivo de acoller a maior cantidade de público posible. O filme chegará aos cines do Estado o mesmo día desa gala e a distribución internacional corre a cargo de Netflix..
Amplía a nova>>
02/02/2022
Un novo documental repasa a historia de Elisa e Marcela
Xosé Ramón Nóvoa é o autor de
Elisa e Marcela en dez imaxes a serie documental que percorre a historia destas dúas mulleres coñecidas por teren casado a comezos do século XX. A produción, dispoñible na rede ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022, repasa en dez microepisodios a historia desta relación a través dos lugares que percorreu a parella. A Coruña, Porto e Bos Aires protagonizan as localizacións do proxecto, que aborda ademais as historias paralelas de Pablo Picasso e de José Sellier, autor do retrato que inmortalizou este matrimonio..
Amplía a nova>>
31/01/2022
María Pujalte gaña o Premio Feroz de actriz de reparto
Os Premios Feroz da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, que no audiovisual estatal están consideradas como aqueles que marcan o camiño dos Goya veñen de repartir os seus galardóns o pasado sábado. Malia que ningunha produción propiamente galega puido levar premio este ano o palmarés deixa algúns nomes que si están relacionados coa nos terra. O máis destacado é o da actriz coruñesa María Pujalte (A Coruña, 1966), que foi recoñecida como Mellor actriz de reparto dunha serie (TV) polo seu traballo na comedia "Venga Juan". Ademais dela o director ourensán de nacemento Rodrigo Cortes (Pazos Hermos, 1973), tamén foi recoñecido polo seu traballo na dirección da longametraxe 'El amor en su lugar (Love Gets a Room)'. Non puido recoller premio de xeito individual o actor Luís Tosar pola súa intensa interpretación protagonista en 'Maixabel', pero canda menos a película recibiu o Premio Feroz a Mellor Película Dramática..
Amplía a nova>>