18/10/2021
AMAL volve servir de vía de entrada do cine euroárabe
A decimo novena Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2021 organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas celebrarase entre os días 25 e 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago. A programación deste ano inclúe unha ampla representación do mundo árabe, con películas de Palestina, Sudán, Marrocos e Europa. Proxectaranse cinco cintas –tres ficción e dous documentais– que se poderán ver nun pase único por día ás 21:00 horas. Treas das proxeccións serán premieres en España e outra delas o será en Galicia. Así as longametraxes documentais "Gods of Molenbeek ( Aatos ja Amine)" e "Lift like a girl" e a ficción "200 metros (200 METERS)" será a primeira vez que se vexan en territorio español e a ficción "You will die at 20 ( Satamoto Fel Eshreen)", será premiere en Galicia. .
Amplía a nova>>
18/10/2021
Premio do público de Sitges para 'Jacinto' de Javi Camiño
O público da 54ª edición do Sitges Festival Internacional de Cine Fantástico de Catalunya ven de darlle a súa máxima valoración na sección Panorama Fantástico á longametraxe
Jacinto (ronda o demo), do realizador santiagués Javi Camiño, protagonizada por Pedro Brandariz. A ópera prima de Camiño, unha historia que se define como "a mestura perfecta entre a 'Matanza de Texas' e 'Forrest Gump'" resultou gañadora na súa estrea nacional neste apartado dos premios do público do festival dirixido a títulos de toda as nacionalidades, inéditos en España e de temática fantástica e de terror feitos con vocación independente.
Jacinto xa acadara previamente dous premios no festival GenreBlast en Winchester, Virginia (EE.UU)..
Amplía a nova>>
15/10/2021
O Premios Mestre Mateo miran máis alá da televisión
O disparo de saída da que será a vixésima edición do Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego ven de darse coa publicación das bases de presentación e a apertura do prazo, onte mesmo. A Academia Galega do Audiovisual fixo para a ocasión unha renovación de determinadas condicións das bases "atendendo ás demandas do sector e aos novos hábitos de consumo dos espectadores". Os cambios sinalan a unha apertura de determinados premios (Mellor Programa, Mellor Realización e Mellor Comunicador/a) máis alá dun formato puramente de emisión televisiva, incluíndo contidos xerados e difundidos por Internet nas redes sociais ou calquera outro medio ou plataforma audiovisual. .
Amplía a nova>>
11/10/2021
Xacio Baño gaña o Premio Galiza do Curtocircuíto con 'Augas abisais'
O relato audiovisual de Xacio Baño na curtametraxe 'Augas abisais' acadou o Premio Galiza da rematada edición do festival Curtocircuíto, en Santiago de Compostela. 'Augas abisais' crea un paralelismo entre mergullarse no fondo do océano e na propia historia, partindo dunhas lembranzas e correspondencia de tempos moi pasados pero aínda presentes. O xurado decantouse por esta cinta valorando o seu logro a través de "técnicas cinemáticas orixinais para falar do pasado mentres se escava o presente, por atopar un camiño metafórico cara a narración que pode destapar e rexistrar a procura dese propio camiño, e por iluminar unha experiencia persoal que lanza luz sobre o colectivo". O filme acadou ademais un Premio AGAG ao mellor guión galego, concedido ex aequo coa curta 'Homeless Home', de Alberto Vázquez. Esta última tamén acadou o premio CREA á mellor dirección dunha produción galega. O xurado considerou que Alberto Vázquez "foi quen de construír un mundo dunha natureza gráfica e sonora única", e concedeulle ese galardón tamén á súa cinta "polo uso dun trasfondo social duro, porque non todos os retornos a casa son unha apoteose como na Odisea". .
Amplía a nova>>
11/10/2021
'Eles transportan a morte' sae de Cinespaña con dous galardóns
O festival Cinespaña de Toulouse ven de recoñecer á longametraxe 'Eles transportan a morte' con dous dos premios no palmarés da súa 26ª edición. O tándem de dirección formado por Helena Girón e Samuel M. Delgado acadou o premio á Mellor Realización, mentres que o traballo feito no son e a música por Carlos García e Camilo Sanabria, respectivamente, foi recoñecido tamén co premio técnico desa categoría, traballo que xa foi tamén premiado previamente pola Semana da Crítica de Venecia, que recoñeceu a achega técnica do filme en canto ao traballo coas atmosferas sonoras..
Amplía a nova>>
06/10/2021
O Hub Audiovisual concede a súa primeira axuda para a rodaxe da serie 'Rapa'
O comezo da rodaxe da serie 'Rapa', producida por Movistar + xunto á empresa galega Portocabo, coincide coa resolución por parte da Xunta da concesión dunha axuda de 300.000 euros a este proxecto, que se converte así no primeiro adxudicatario da liña para a atracción de rodaxes do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural. A presentación de inicio da rodaxe, que se levará a cabo nas zonas de Cedeira, Ferrol e a Serra da Capelada contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, así como do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. 'Rapa' é unha trama creada por Pepe Coira e Fran Araújo e dirixida por Jorge Coira, con Alfonso Blanco na produción executiva, os actores Javier Cámara e Mónica López encabezan o reparto desta intriga de seis episodios de 50 minutos con estrea prevista en 2022..
Amplía a nova>>
04/10/2021
'Matria' pasa de curta a longa
Nos anos 2017 e 2018 Álvaro Gago sorprendía coa súa curtametraxe 'Matria', coa que gañou o premio do Xurado do Festival de Cinema de Sundance, o galardón á mellor curtametraxe española da Semana Internacional de Cine (Seminci) de Valladolid e outros sesenta galardóns por todo o mundo. Agora o realizador ven de comezar a rodaxe en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra da que será a súa primeira longametraxe, para a que colle como base xustamente a historia de 'Matria' levando a cabo unha pouco habitual evolución de formato sobre a mesma sinopse. .
Amplía a nova>>
01/10/2021
O filme belga Playground érguese como vencedor no OUFF
O Festival de Cine de Ourense, OUFF, deu coñecer este 30 de setembro o seu palmarés, que encabeza o filme belga
Playground, dirixido por Laura Wandel. A longametraxe que aborda a problemática do acoso escolar a través de dúas crianzas alzouse coa Calpurnia á mellor película e a súa directora recibiu ademais o premio Cima da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. O Premio Especial do Xurado levouno
Cima de Pepe Valle, e o Premio Xacobeo ao mellor filme galego, dotado con 12.000 euros, repartiuse entre
Malencolía de Alfonso Zarauza e
Eles transportan a morte de Helena Girón e Samuel M. Delgado..
Amplía a nova>>
30/09/2021
Gonzalo Suárez cede á Fundación Blanco Amor correspondencia co escritor
A pesares de que a documentación epistolar persoal está xa en proceso de total desaparición, hai aínda anacos do pasado que poden ser recuperados grazas a eses escritos. A Fundación Eduardo Blanco Amor vén de aumentar os seus fondos documentais coa cesión das cartas que o director, guionista e escritor Gonzalo Suárez recibiu do escritor ourensán con motivo da rodaxe da película 'Parranda' (1977), baseada na novela 'A Esmorga'. As tres misivas cedidas forman parte da correspondencia persoal que mantiveron o director e o autor, "pero só estás refírense directamente á rodaxe dunha película que ten a Ourense, á Auria Blancoamoriana, como protagonista", destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación e da fundación. O cineasta ven de ser recoñecido polo Ourense Film Festival co seu galardón honorífico Calpurnia de Honra..
Amplía a nova>>
29/09/2021
Un documental en liña recolle a historia do festival Cantos na Maré
A evolución do festival Cantos na Maré desde a súa xestación en 2003 en Pontevedra ata a súa primeira edición compostelá. Este é o contido de
Cantos na maré, 2003-2020, que se presentou o pasado 22 de setembro a coincidir coa última xeira do evento e que chega agora ás redes. O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística recolle o audiovisual íntegro, que participou do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21..
Amplía a nova>>