09/11/2021
Ata 17 proxectos audiovisuais obterán axuda para a súa fase inicial
A Xunta ven de facer pública a adxudicación de 300.000 euros en axudas para o desenvolvemento de 17 novos proxectos audiovisuais de produción galega, dos que nove corresponden a longametraxes de dirección novel. Esta liña de subvencións, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para impulsar a fase de preprodución de filmes e series para cinema e televisión cara á súa rodaxe nos vindeiros anos incrementou este ano un 15% o seu orzamento respecto a 2020, de xeito que se apoian dúas propostas máis que o ano pasado. Segundo a resolución de adxudicación, mediante esta convocatoria apóianse 12 propostas de desenvolvemento na modalidade de longametraxes e series de ficción, catro na de documentais e unha de animación. Outras trinta propostas foron desestimadas para optar á subvención ao non acadar a suficiente puntuación na valoración segundo as bases. .
Amplía a nova>>
04/11/2021
Andrés Goteira estreará o seu novo filme no Festival Internacional de Cine de Xixón
O vindeiro día 21 de novembro terá lugar en Xixón, no marco do 59ª Festival Internacional de Cine a estrea absoluta da longametraxe "Welcome to ma maison", nova obra do director Andrés Goteira ("Dhogs"). O filme, unha historia en formato de falso documental rodada orixinalmente en galego, castelán e inglés, participa na sección oficial do certame. "Welcome to ma maison" está producida por Gaita Filmes en coproducción con Dentada Films conta unha investigación cinematográfica do actor Igor Fernández, que emprende unha viaxe a Los Ángeles para coñecer ao director de cine Nicolas Winding Refn e mestura partes de ficción con outras reais do seu periplo. Esta é a primeira longametraxe de Goteira tras a aclamada "Dhogs" (2017) , a súa ópera prima que fixo historia nos Premios Mestre Mateo do audiovisual ao converterse produción máis premiada da historia destes galardóns con 13 premios, ademais dos que recolleu en festivais de todo tipo. .
Amplía a nova>>
04/11/2021
A Coruña celebrará no 2022 o centenario de María Casares
O Concello da Coruña impulsará no 2022, centenario do nacemento da actriz María Casares, unha gran cantidade de actividades, tanto de creación propia como colaboracións vencelladas con Francia, país onde ela viviu e desenvolveu a súa traxectoria artística. A programación do Ano Internacional María Casares estará comisariada por María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura de María Casares. Esta iniciativa xorde coa intención de identificar a María Casares coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como muller independente e amosar a cultura como un ben común. A Xunta de Galicia tamén anunciou en setembro pasado a súa intención de levara a cabo homenaxes neste centenario da actriz..
Amplía a nova>>
03/11/2021
Cineuropa dá o salto de mostra a festival internacional
A edición de relanzamento de Cineuropa tras un ano de "resistencia cívica" minimizada polas circunstancias sanitarias supón un salto cualitativo histórico para o evento, máis alá de volver a ofrecer as capacidades das salas ao completo. O director do evento, José Luís Losa, presentou hoxe as características deste ano, nas que destaca o cambio desde o concepto inicial de "mostra" ao de "festival competitivo" no que haberá unha sección oficial a valorar por un xurado internacional cos correspondentes premios. Segundo Losa, esta opción, que xa levaba anos en estudio, "axuda a definir a liña editorial e dá músculo e visibilidade a Cineuropa no circuíto de festivais". Para o director esta decisión coloca a Cineuropa como "o festival internacional de cinema de longametraxes de Galicia" de referencia, sen perder a súa esencia..
Amplía a nova>>
03/11/2021
O Festival Intersección dá a coñecer o palmarés da súa IV edición
O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea Intersección daba a coñecer este sábado 31 de outubro o palmarés da súa IV edición. Nos galardóns, o Premio da Asociación Sindical Galega de Guionistas, foi para Judith Adataberna, pola súa obra
Memoria de Emerxencia. O xurado destacou o seu xeito de "abordar o minifundismo como herdanza do que somos, a través dunha proposta narrativa chea de sentimento e verdade". Na sección escolas, pola súa banba, o premio foi para
Leite. Sangue. de Laura MS, "pola súa capacidade de articular un relato propio a partir dun material videográfico doméstico preexistente". .
Amplía a nova>>
02/11/2021
O festival do imaxinario repartiu o seu palmarés internacional
O público da 49ª edición do festival audiovisual CURTAS FESTIVAL DO IMAXINARIO decantouse pola produción galega para seleccionar as gañadoras do seu Premio "Planet horror". A ópera prima de Javi Camiño "Jacinto", que fixo aquí a súa estrea en terras galegas, foi a premiada no formato de longametraxes; " O que queda de nós", de Miguel Gómez Abad foi a premiada polo público no formato de curtametraxes. O festival tamén premiou a unha realizadora local, Coral Piñeiro (Vilagarcía, 1998) , co premio ao mellor documental por 'Dores' dentro da Sección Oficial 'Outros xéneros'. Ademais diso na sección transversal "Feito en Galicia" outorgáronse tamén dous galardóns , o Premio do xurado á mellor curte, que foi para 'La metafísica del asesino', de Rubén Méndez e o Premio a mellor director/a que recaeu en Sergio Pereda polo seu traballo en 'Sombra do mar'. Os premios honoríficos deste ano foron para os realizadores Joe Dante, Daniel Monzón, Nacho Vigalondo, e os escritores Elia Barceló e o `pontevedrés Manel Loureiro..
Amplía a nova>>
29/10/2021
'Jacinto' estréase hoxe en Galicia tras gañar un premio en Austin
O filme 'Jacinto' ven de saír do Austin Film Festival en Texas cun novo premio que engadir ao seu crecente palmarés propio. O xurado da sección internacional Dark Matters de películas de horror e suspense concedeulle o seu premio á ópera prima do santiagués Javi Camiño, protagonizada por Pedro Brandariz e Anxela Baltar entre outros, unha historia que se define como "a mestura perfecta entre a 'Matanza de Texas' e 'Forrest Gump'". Ademais hoxe a longametraxe estréase en Galicia, no marco do Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa..
Amplía a nova>>
25/10/2021
Catro producións galegas están presentes na 66ª Seminci
A Semana Internacional de Cine de Valladolid - Seminci acolle este ano na súa 66ª edición a proxección de catro proxecións galegas, tres delas como estreas. Dentro da sección DOC.España do veterano encontro presentaronse os documentales 'Escribir o imposible' de Simone G. Saibene , e 'A Virxe roxa' de Marcos Nine Bua, que xa se exhibiron estea fin de semana pero aínda Terán outros pases. Na sección de Proyecciones Especiales', xa tivo lugar a da longametraxe documental autobiográfica 'A cero.5', de Gonzalo Suárez. Ademais destas estreas, o certame acolle na sección Spanish Cinema a curtametraxe 'A comuñón da miña prima Andrea' de Brandán Cerviño..
Amplía a nova>>
22/10/2021
O LAV.Mov retorna a Vedra
Despois da ausencia do pasado ano por mor da pandemia, a Asociación Senunpeso celebra entre o 29 e o 31 de outubro unha nova edición do seu LAV.Mov. O Laboratorio Audiovisual de Vedra, centrado na formación e a creación audiovisual, inclúe no seu programa un obradoiro de formación centrado no uso de
found footage para crear unha peza audiovisual a partir de imaxes de arquivo da man de Javier Trigales. Un segundo obradoiro a cargo de Fernando Alfonsín abordarán os fluxos de traballo con imaxe dixital desde o set de rodaxe, pasando pola postprodución ata o produto final.
.
Amplía a nova>>
18/10/2021
Margarita Ledo Premio CREA de Honra
A Asociación Galega de Profesionais da Realización e da Dirección (CREA) ven de recoñecer a aqueles dos seus colegas que destacaron nos traballos de dirección no pasado ano. Os VI Premios CREA entregáronse o 17 de outubro de 2021 recaendo o Premio de Honra na cineasta e académica Margarita Ledo, o de Mellor Dirección de Longametraxe de Ficción en Fon Cortizo por '9 Fugas' e o de Mellor Dirección de Serie de televisión en Jorge Coira por 'Hierro' (Tempada 2). .
Amplía a nova>>