Novas | 481 a 490 de 4257

<< Anterior Siguiente >>

14/10/2022
AMAL cumpre vinte anos amosando en Galicia a cultura árabe

Vinte anos leva a Semana de Cinema Euroárabe AMAL construíndo unha ligazón especial entre a cultura árabe e a galega. Entre os días 24 e 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago terá lugar a realización desa vixésima edición que traerá de novo mostras da expresión audiovisual das terras do oriente próximoe as súas sensibilidades e problemáticas, neste caso con cinco proxeccións, tres películas de ficción e dúas documentais, que se poderán ver en pases únicos por día. A primeira sesión de cinema de AMAL 2022 será o martes 25, coa longametraxe de ficción "1982"; o mércores 26 o documental "The Captains of Zaatari"; o xoves 27 a película "Farha"; o venres 28 o documental "Mayor"; e o sábado 29 a ficción "You resemble me". . Amplía a nova>>

10/10/2022
Nerea Barros triunfa no XIX Curtocircuíto coa súa estrea na dirección

A actriz santiaguesa gañadora dun Premio Goya, produtora e tamén realizadora Nerea Barros ven de obter un duplo éxito na propia casa con 'Memoria' a curtametraxe documental coa que se estrea no traballo de dirección. O festival Curtocircuíto, no palmarés da 19ª edición que ven de rematar tras 9 días de proxeccións, recoñece o seu traballo co Premio Galiza ó mellor filme galego do certame e ademais co Premio CREA á Mellor dirección galega. O xurado da sección Planeta GZ, de curtametraxes galegas, tamén tivo unha mención especial para a peza 'Elefante', de Alberte Pagán. No relativo a audiovisuais galegos compre mencionar tamén o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Santiago Turismo e Santiago de Compostela Film Commission, que foi para 'Ollada noutra Compostela', de Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas e Diana Iglesias.. Amplía a nova>>

07/10/2022
A Xunta reedita os Bonos Cultura

O Consello da Xunta informou favorablemente da posta en marcha este outono dunha nova edición do Bono Cultura, o programa de descontos na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais. A nova edición deste programa contará cun orzamento dun millón de euros e emitirá 20.000 bonos con descontos do 50% nos servizos ou produtos das empresas que se adhiran á campaña autonómica. As cifras son menores que as da campaña anterior, que chegou aos 1.950.000 euros e emitiu ata 39.000 bonos de 50 euros cada un. O s obxectivos tampouco son os mesmos, segundo asegurou o titualr do goberno autonómico, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello: “Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Rueda. . Amplía a nova>>

06/10/2022
O IV LAV.mov enche Vedra de creatividade audiovisual

A Asociación Senunpeso convocou para os días 7, 8 e 9 de outubro a cuarta edición do Lav.mov, o encontro de formación audiovisual de Vedra. O espazo cultural da estación do Tren de Santa Cruz de Ribadulla acolle as actividades da iniciativa, que oferta dous obradoiros para profesionais do sector.. Amplía a nova>>

03/10/2022
'A mazá de ouro' de Jaime Chávarri gaña o Premio Xacobeo do OUFF

O Festival de Cine de Ourense (OUFF) clausurou esta 27ª edición entregando os premios da sección oficial e o resto do palmarés competitivo e dando a coñecer os Premios Xacobeo e Premio do Público. "A mazá de ouro", filme co que o realizador Jaime Chávarri volveu á dirección de cine tras case dúas décadas de ausencia, foi o designado para recibir o Premio Xacobeo á mellor produción galega. O filme puido verse nun pase especial no mesmo día da gala de peche. Pola súa banda o público do OUFF decantouse tamén por unha produción galega para outorgarlle o seu recoñecemento, neste caso polo novo filme de Ángel de la Curz, 'O home e o can', que se estreou no certame ourensán.. Amplía a nova>>

03/10/2022
Os premios Mulleres no Foco recoñeceron a Lucía Catoira, Paula Cons e Chelo Loureiro

A segunda edición dos premios Mulleres no Foco, que organizan a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas (CIMA), celebrou este 30 de setembro a súa gala na capital do Lérez. Chelo Loureiro, gañadora de dous premios Goya e activista polo recoñecemento das mulleres no audiovisual levo un dos galardóns. Outro recoñecemento foi para "o traballo infatigable e o talento"de Paula Cons, xornalista, documentalista e directora e o terceiro recibiuno a directora de fotografía Lucía Catoira pola súa "mirada comprometida desde a cámara".. Amplía a nova>>

30/09/2022
A longametraxe luso-francesa "Restos do vento" gaña a Calpurnia do 27º OUFF

A 27ª edición do do Festival de Cine Internacional de Ourense xa ten palmares de competición oficial con ata dez galardóns e dúas mencións especiais, a falta de coñecerse o Premio do Público e o Premio Xacobeo á mellor producción galega do certame, que se desvelarán hoxe na propia gala de entrega de galardóns no Auditorio Municipal. A decisión do xurado de longametraxes encabezado polo director santiagués Alfonso Zarauza foi outorgar o premio Calpurnia á mellor película para "Restos do vento" (Portugal/Francia), de Tiago Guedes. Na sección de curtametraxes, OUFF en Curto, os premios ás mellores pelíuclas de ficción e documental foron para dous producións de realizadores galegos. O vigués Guillermo Oliveira, por 'Sauerdogs', no apartado ficción e 'O que queda' de Alejandro Rodríguez na competición Documental.. Amplía a nova>>

30/09/2022
O Museo de Pontevedra celebra un simposio sobre Carlos Velo

Os vindeiros 4 e 5 de outubro o Museo de Pontevedra acolle o simposio O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México. O encontro, promovido polo Museo e a Fundación Carlos Velo, desenvolverá dúas xornadas de conferencias, proxeccións audiovisuais e un recital poético "para achegarse á figura do cineasta galego e a súa relación coas republicanas e republicanos que -como el- estiveron no exilio no país centroamericano".. Amplía a nova>>

28/09/2022
A 44ª Semana de Cine de Lugo reparte os seus premios oficiais

A Semana de Cine de Lugo pechou a súa 44ª edición presentando o seu palmarés, onde fai destacar a opción do público asistente na Sección oficial, que se decantou coas súas puntuacións pola longametraxe francesa 'Mentes maravillosas', de Bernard Campan e Alexandre Jollien. Ademais diso, entre público e xurado concederon outros cinco premios. É de destacar tamén que o premio á mellor película galega desta edición do certame fixo coincidir a público e xurado, resultando a longametraxe 'Julia' (2020) de Jacobo Lagüela Castro a premiada por ambos. A película fala sobre a extinción e abandono do rural a través dos ollos da súa protagonista, unha avoa de 87 anos de idade coa esperanza de salvar as súas raíces e de comunicar a importancia das mesmas ás xeracións que están por vir.. Amplía a nova>>

26/09/2022
A Filmoteca de Galicia reabre a súa sala de proxeccións

Este vindeiro martes, 27 de setembro, terá lugar a reapertura ao público das instalacións da Filmoteca de Galicia (anteriormente CGAI) na Casa da Cultura Salvador de Madariaga coa volta da programación de proxeccións á sala de cine José Sellier. Estas instalacións estiveron pechadas desde o pasado ano para a realización dunhas obras de renovación que incluíron unha reforma completa do espazo de exhibición, coa modernización na cabina de proxección, na súa dotación tecnolóxica e de substitución de butacas e demais mobiliario.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org