07/02/2022
Squirrel Media xestionará unha canle de televisión autonómica
As canles privadas de televisión autonómica semellan camiño da súa reactivación tras un perídod de inactividade de emisións. En novembro do pasado ano a Xunta publicaba as bases para un novo proceso de licenza dunha das canles dispoñibles arestora, a que deixou de utilizar a Corporación Voz. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a autorización por parte do goberno galego, referendada en Consello da Xunta tamén en novembro, para a transmisión á empresa Squirrel Media, S.A. da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual televisiva que ata o de agora era titularidade de Radio Popular, S.A. (COPE). Deste xeito a canle pasa ás novas mans de Squirrel Media, que terá que aboar no prazo dun mes unha taxa de 165.556,79 euros á administración galega. .
Amplía a nova>>
03/02/2022
Sete producións conforman o novo catálogo 'Shorts from Galicia'
A nova edición do catálogo promocional Shorts from Galicia, editado pola Xunta, ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática. Así mesmo, no catálogo conviven talentos emerxentes como Lucía Estévez ('O niño dos paxaros'), Marta Valverde ('30´70´60´120´') ou Rebeca Lar ('As árbores coñecen o son das balas') con realizadores xa consagrados como Ángel Santos ('Así vendrá la noche'), Eloy Domínguez ('Rompente') e Lois Patiño ('Sycorax', codirixida co arxentino Matías Piñeiro), ademais de incluír o debut como directora da actriz Nerea Barros ('Memoria')..
Amplía a nova>>
02/02/2022
'Código emperador' abrirá o 25 Festival de Málaga
A nova longametraxe da produtora coruñesa Vaca Films, dirixida por Jorge Coira, é a elixida para abrir coa súa proxección a 25ª edición do Festival de Málaga, unha das grandes plataformas do cine producido en España. Será o vindeiro 18 de marzo na cidade andaluza cando a película 'Código emperador' protagonizada polo lugués Luís Tosar se exhiba nunha gala inaugural que terá lugar no Palacio de Deportes José María Martín Carpena, co obxectivo de acoller a maior cantidade de público posible. O filme chegará aos cines do Estado o mesmo día desa gala e a distribución internacional corre a cargo de Netflix..
Amplía a nova>>
02/02/2022
Un novo documental repasa a historia de Elisa e Marcela
Xosé Ramón Nóvoa é o autor de
Elisa e Marcela en dez imaxes a serie documental que percorre a historia destas dúas mulleres coñecidas por teren casado a comezos do século XX. A produción, dispoñible na rede ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022, repasa en dez microepisodios a historia desta relación a través dos lugares que percorreu a parella. A Coruña, Porto e Bos Aires protagonizan as localizacións do proxecto, que aborda ademais as historias paralelas de Pablo Picasso e de José Sellier, autor do retrato que inmortalizou este matrimonio..
Amplía a nova>>
31/01/2022
María Pujalte gaña o Premio Feroz de actriz de reparto
Os Premios Feroz da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, que no audiovisual estatal están consideradas como aqueles que marcan o camiño dos Goya veñen de repartir os seus galardóns o pasado sábado. Malia que ningunha produción propiamente galega puido levar premio este ano o palmarés deixa algúns nomes que si están relacionados coa nos terra. O máis destacado é o da actriz coruñesa María Pujalte (A Coruña, 1966), que foi recoñecida como Mellor actriz de reparto dunha serie (TV) polo seu traballo na comedia "Venga Juan". Ademais dela o director ourensán de nacemento Rodrigo Cortes (Pazos Hermos, 1973), tamén foi recoñecido polo seu traballo na dirección da longametraxe 'El amor en su lugar (Love Gets a Room)'. Non puido recoller premio de xeito individual o actor Luís Tosar pola súa intensa interpretación protagonista en 'Maixabel', pero canda menos a película recibiu o Premio Feroz a Mellor Película Dramática..
Amplía a nova>>
28/01/2022
A serie documental Os nomes da nosa terra explora as orixes de topónimos do país
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaba este 27 de xaneiro a serie documental
Os nomes da nosa terra. Xosé Antón Moure foi o guionista e realizador deste proxecto, que desenvolveu a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. Segundo explica a AS-PG, esta serie pretende "difundir nas redes sociais, a través dun formato audiovisual atractivo, os feitos e historias que orixinaron os nomes de aldeas, leiras ou corredoiras que compoñen algúns dos máis de dous millóns de topónimos de Galicia". .
Amplía a nova>>
25/01/2022
Agadic convoca as axudas para paquetes de proxectos audiovisuais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases das axudas da Axencia Galega de Industrias Culturais para o "desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector". Esta liña de subvencións competitivas para produtora independentes que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros foi aprobada o pasado 29 de decembro polo Consello da Xunta e é a segunda liña de axudas do novo Hub Audiovisual Galego. As bases veñen especificar o obxecto ao que se dirixen, e que consiste nos conxuntos de entre tres e cinco proxectos audiovisuais sobre os que se realizarán as accións e tarefas de desenvolvemento previas á súa fase de produción, dentro do período subvencionable (2022-2023). .
Amplía a nova>>
18/01/2022
O proxecto Agromantes integra psicodiversidade e audiovisual
O pasado 16 de xaneiro o Teatro Principal de Santiago acollía a presentación das seis curtametraxes do proxecto
Agromantes. Gromos audiovisuais desde a psicodiversidade. Esta proposta coordinada pola cineasta Cora Peña pretende achegar en primeira persoa a experiencia de xente que enfronta problemas de saúde mental, sexa con producións desenvolvidas por elas mesmas ou co apoio da propia Peña..
Amplía a nova>>
11/01/2022
Aumentan as axudas para os festivais audiovisuais de asociacións
As axudas da administración autonómica á celebración de festivais audiovisuais manteñen a liña ascendente e sólida dos anteriores exercicios e volven medrar neste 2022. A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) ven de publicar hoxe no Diario oficial de Galicia unha nova convocatoria que incrementa a partida anterior en 10.000 euros, marcando un novo máximo de 210.000 euros para os eventos a celebrar neste ano. En concreto, o incremento vai dirixido a aqueles festivais audiovisuais organizados desde as asociacións, ás que van destinados 170.000 euros da partida (160.000 no pasado ano), repartíndose os outros 40.000 a partes iguais entre empresas e entidades locais. .
Amplía a nova>>
30/12/2021
A saga literaria Dragal dá o salto á realidade aumentada
Dragal Challenge é o título do concurso que leva á realidade aumentada o universo fantasía creado por Elena Gallego Abad no que supón unha adaptación inédita na literatura galega. O proxecto desenvólvese no marco da plataforma de vídeo baixo demanda PetisGO! que desenvolveron R, cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Producciones con apoio de fondos europeos FEDER..
Amplía a nova>>