Novas | 451 a 460 de 4138

<< Anterior Siguiente >>

22/02/2022
Falece subitamente o cómico Pedro Brandariz

O actor e contacontos Pedro Brandariz faleceu hoxe subitamente con 44 anos cando ía facer unha función no CEIP de Calo (Teo) do seu espectáculo 'Os poderes de Rosalía' para o alumnado. Os detalles desta inesperada morte aínda non se coñecen con máis exactitude, pero o actor de Oleiros estaba a levar a cabo neste mes unha intensa axenda de espectáculos por centros de ensino de toda Galicia e hoxe mesmo ía estrear unha nova montaxe na Coruña, 'O inventor das palabras', co guía e intérprete Suso Martínez. . Amplía a nova>>

21/02/2022
Margarita Ledo galardoada pola Academia Audiovisual co Premio Fernando Rey

A cineasta, catedrática da Universidade de Santiago e académica da RAG Margarita Ledo Andión ven de ser recoñecida co Premio Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual. A lucense recollerá este premio de honra na vindeira XXª edición do Premios Mestre Mateo do audiovisual galego o vindeiro sábado 19 de marzo no recinto de Expocoruña. O presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu hoxe a coñecer a decisión da AGA para o seu galardón de honra. . Amplía a nova>>

16/02/2022
A Semana do Cinema Galego vai pola súa terceira edición

A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, situándose durante seis días no epicentro da actividade cinematográfica do territorio xusto antes de celebrar na cidade a XXª gala dos Premios Mestre Mateo, o día 19 de marzo. O audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man dos profesionais do noso cinema, dos equipos artísticos, nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo. A alfombra vermella lucirá no Teatro Colón para dar a benvida a unha coidada programación conformada polas mellores longametraxes e documentais do último ano. Concretamente, proxectaranse os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 que concede a Academia Galega do Audiovisual, traballos que darán boa conta do talento do país. Os propios equipos artísticos dos filmes presentarán os seus proxectos no recinto coruñés. A Academia Galega do Audiovisual coordina este proxecto no que conta co apoio do Concello da Coruña e a Deputación provincial. . Amplía a nova>>

15/02/2022
A Biblioteca González Garcés inaugura a exposición "María Casares: residente privilexiada".

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés da Coruña sumouse hoxe á conmemoración do centenario do nacemento da actriz María Casares coa inauguración da exposición "María Casares: residente privilexiada". Esta mostra trata de reconstruír mediante a mostra de 200 libros, fotografías, películas e documentos, a vida da artista, a súa contorna familiar e súa relación co mundo cultural francés ata o seu falecemento, que tería lugar na localidade francesa de Alloue. O título da exposición fai referencia ao seu status na tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia, título que foi empregado tamén para publicar as súas memorias no ano 1980. . Amplía a nova>>

14/02/2022
Os Goya máis galegos

A cerimonia dos premios cinematográficos da academia española tivo este ano un especial sabor galego. Desde o momento da súa concepción comezaba xa o recendo, o realizador monfortino Dani de la Torre collía a dirección do evento da 36ª edición dos galardóns no Palau de les Arts de Valencia por encargo da Academia de Cine. Ademais diso, como parte do programa musical, a cantante Luz Casal fixo soar o idioma galego con contundencia e peso na gala, interpretando, acompañada pola Real Filharmonía de Galicia o tema 'Negra Sombra', coa letra do poema de Rosalía de Castro. A celebrada interpretación, moi ben acollida por un público que xa semella acoller o galego na música como algo máis normal nos últimos tempos, acompañou o vídeo 'In memoriam', dedicado aos ausentes da industria audiovisual deste ano pasado. Xa na parte da recollida de premios a colleita do sistema galego saldouse con ata catro "cabezóns" na forma de recoñecemento á excelencia no relativo á interpretación, a música e á animación, un formato no que Galicia leva anos estando abonada.. Amplía a nova>>

11/02/2022
Nabiza Girl volta cunha segunda entrega da súa webserie

A canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística acolle cinco novos episodios da webserie Nabiza Girl. Isabel Risco recupera este personaxe en O retorno de Nabiza Girl, e enfronta esta peculiar superheroína a cuestións como os petróglifos, o mar, o ribeiro, a moda ou a dieta galega noutras tantas pezas de curta duración. O proxecto, que parte dunha montaxe teatral, desenvolveuse co apoio Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, e xa contara con catro capítulos anteriores que tamén están dispoñibles na mesma canle.. Amplía a nova>>

10/02/2022
'Cuñados' parte como favorita nos XX Premios Mestre Mateo do audiovisual

A comedia 'Cuñados', ópera prima como director de Toño López e primeira incursión na longametraxe cinematográfica da produtora galega PORTOCABO, perfílase como favorita para a vindeira edición do Premios Mestre Mateo do audiovisual galego con 16 candidaturas finalistas. O filme de terror psicolóxico ambientado no rural, 'Malencolía' do realizador compostelán Alfonso Zarauza, indiscutible gañador da anterior edición co seu filme 'Ons', entra tamén con forza como posible gañador de ata 11 estatuíñas este ano. Outra longametraxe de terror rural, a ópera prima do santiagués Javi Camiño, 'Jacinto', protagonizada por Pedro Brandariz e Anxela Baltar dá a sorpresa e acada tamén as 11 candidaturas nos premios deste ano, tras varios recoñecementos en festivais. Tras destas sitúase a serie 'Hierro', tamén de Portocabo, con 8 candidaturas. Os directores dos traballos máis votados, Alfonso Zarauza, Javi Camino, Jorge Coira e Toño Chouza, competirán polo premio á Mellor dirección. A vindeira entrega de premios audiovisuais celebrará o vinte aniversario dos galardóns con importantes novidades, tal e como se avanzou hoxe no acto de lectura dos finalistas das 24 categorías.. Amplía a nova>>

09/02/2022
Agadic adianta o seu Plan de Convenios para 2022

O Plan de Convenios da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2022 fai unha previsión de incluír preto de 900.000 euros en ata 17 iniciativas de fomento cultural. Así se fixo público nun comunicado de prensa por parte da axencia da Xunta que dá a información en avance destas sinaturas que cubrirán a organización de premios sectoriais, actividades formativas, feiras profesionais, ciclos de programación, festivais e outras accións nas que AGADIC colabora con entidades asociativas de teatro, música, danza, audiovisual, etc. A estes ámbitos hai que engadirlle a promoción do conxunto das industrias culturais galegas a través do apoio económico á feira Culturgal como principal entidade colaboradora co evento que ten lugar cada outono en Pontevedra.. Amplía a nova>>

09/02/2022
A serie Museo a ceo aberto retrata a arte urbana galega

O pasado catro de febreiro chegaba á rede o sétimo e derradeiro capítulo de Museo a ceo aberto. Esta serie documental amosa o traballo de artistas e colectivos que promoven eventos de referencia no país no campo da arte urbana. A través das súas propias palabras coñécense as peculiaridades das diferentes disciplinas vencelladas a este ámbito.. Amplía a nova>>

07/02/2022
A Coruña abre cunha exposición o programa municipal do Ano Internacional María Casares

As bibliotecas municipais da Coruña acollerán ata o mes de novembro a mostra itinerante 'Eu son de aquí', que resume a vida e obra da actriz de orixe coruñés María Casares, así como outra vintena de actividades que teñen como obxectivo difundir o coñecemento sobre a artista por todos os barrios. O pasado venres inaugurouse esta exposición no Fórum Metropolitano da cidade herculina e contou coa presenza da alcaldesa Inés Rey. Trátase do primeiro dos actos que organiza o Concello dentro do Ano Internacional María Casares, que procura reivindicar a súa figura e as súas orixes no centenario do seu nacemento. Unha páxina web do concello permitirá consultar todo o relativo ao 2022 Ano Internacional de María Casares. Ademais diso, pola parte da Xunta de Galicia o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario', a primeira das propostas da programación especial que o goberno autonómico, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais, impulsa este ano para conmemorar o centenario da artista.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org