15/05/2019
Inaugúrase a exposición 'Outra pel, outro rostro' da fotógrafa Cris Andina
O Festival de Cans no seu intento de ter o cinema como punto de partida e achegar o festival a outras disciplinas, programa por primeira vez unha exposición fotográfica, que vai máis alá das datas principais do certame. Este mércores 15 de maio ás 19:30 horas inaugurarase a mostra
Outra pel, outro rostro da ribadense Cris Andina. Un traballo, formado por máis de 30 retratos, que este fotógrafa realizou seguindo a numerosas actrices e actores para retratalos no intre no que pasan a barreira da caracterización e mudan de rostro para interpretar aos seus personaxes no escenario. Esta mostra, que estará dividida entre o Círculo Recreativo Cultural do Porriño e a Sala Ingrávida, é de entrada gratuíta e poderá visitarse ata o vindeiro 15 de xuño..
Amplía a nova>>
14/05/2019
Dispoñible o programa da II Mostra de Cine Latinoamericano Araguaney
O Teatro Principal de Santiago acolle entre o 20 e o 24 de maio a II Mostra de Cine Latinoamericano Araguaney, organizada pola Fundación Araguaney. Este certame exhibirá nove películas e documentais de Chile, México, Argentina, Uruguay, Brasil, República Dominicana e Estados Unidos e está dirixido por Alberto Domínguez Ojea. Entre os filmes,
¡Las sandinistas!, de Jenny Murray,
Chavela, de Catherine Gund e Daresha Kyi ou
Sueño en otro idioma, de Ernesto Contreras. .
Amplía a nova>>
14/05/2019
O MARCO proxecta o 'NODO' cultural galego perdido de Antón Beiras
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o MARCO de Vigo presenta o documental
RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada; un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, recuperado do esquecemento por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia. O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun "contra NODO" destinado á cultura galega no exilio..
Amplía a nova>>
13/05/2019
A Academia Audiovisual e o CGAI despiden a Víctor Ruppen coas súas curtametraxes
A Academia Galega do Audiovisual, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), homenaxeará mañá martes 14 de maio a Víctor Ruppen (A Coruña 1940 -2019) que falecía a pasada semana. Ruppen, mecenas e produtor, está recoñecido como unha das figuras pioneiras na creación dun cinema propio galego. Nado na Coruña en 1940, Ruppen compaxinou a súa profesión de arquitecto técnico con outras actividades empresariais e culturais relacionadas co cinema. Participou na creación da distribuidora Musidora Films e no campo da exhibición coa creación dos cines Valle Inclán da Coruña e Santiago e dos Alphaville en Madrid. Nos anos 70 deulle un pulo decisivo á produción de curtametraxes en formatos profesionais, co que contribuíu a fortalecer os inicios do audiovisual galego. Como recoñecemento a ese labor, foi merecedor do primeiro premio de honra Fernando Rey que outorgou a Academia no ano 2002. As dúas entidades ofrecerán a proxección dunha selección das primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35mm e nas que foi determinante o papel de Ruppen como produtor, poderanse ver
Fendetestas de Antonio Simón (1975),
Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975),
O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e
O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977). A sesión, que comezará ás 20:30 horas, estará presentada pola investigadora galega Sara Donoso, quen este ano recibiu un accésit na categoría de Ensaio escrito sobre audiovisual galego nos Premios Maria Luz Morales..
Amplía a nova>>
10/05/2019
A Mostra Internacional de Cinema Periférico reúne nomes clave do cinema experimental
A (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico xa ten dispoñible a programación da súa décima edición, que se desenvolverá desde o 31 de maio ata o 9 de xuño na Coruña. Neste décimo aniversario, o (S8) dedicaralle un foco á conservación e restauración de cinema experimental, que será o tema principal ao redor do que xirará gran parte da súa programación. O foco estará composto por unha serie de master classes de expertos neste campo, complementadas con sesións de cinema restaurado, que culminará cunha mesa redonda formada por expertos e expertas no tema de gran prestixio internacional como son Mark Toscano, Bill Brand, Janine Marchessault e Ross Lipman. Cada edición, a Mostra tenta tamén traer ata A Coruña a algunha figura histórica do cinema experimental. Nesta ocasión visitará o festival Malcolm Le Grice, un dos fundadores da London Film-makers’ Co op e figura fundacional do cinema estrutural/materialista como creador, como teórico e como escritor. O festival repasará a súa extensísima carreira a través de dúas sesións que revisarán o seu cinema desde os sesenta ata hoxe..
Amplía a nova>>
09/05/2019
Dez festivais audiovisuais reparten 170.000 euros da Agadic
A Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de facer pública a adxudicación das subvencións a festivais do sector audiovisual para 2019. En total dez eventos deste tipo repartirán o total de 170.000 euros con que estaban dotadas estas axudas. O máis beneficiado nesta liña resultou ser o Play-Doc de Tui, que conta con 38.000 euros para a súa XV edición, celebrada no pasado mes de marzo. Pola súa banda o XVI Festival de Cans obtivo 27.770 euros e a décimo sexta edición de Curtocircuíto 26.574.
.
Amplía a nova>>
09/05/2019
Preséntase o documental Revisitando a Antonio Fraguas
O director Gonzalo Veloso presentaba onte o documental
Revisitando a Antonio Fraguas, filme no que percorre a traxectoria do homenaxeado no Día das Letras deste ano. O proxecto, que contou co apoio da Consellaría de Cultura, conta con testemuños de persoas que trataron a Fraguas como Justo Beramendi, Clodio González, María Xosé Fernández e Víctor F. Freixanes. O documental será unha das pezas centrais da exposición sobre Fraguas que abre o vindeiro 14 de maio o Museo do Pobo Galego en San Domingos de Bonaval..
Amplía a nova>>
07/05/2019
Sorogoyen, Leonor Watling e El Gran Wyoming subirán aos chimpíns de Cans
A XVIª edición do Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio nesta parroquia pontevedresa, presentou hoxe o seu programa completo cun acto que, como xa é tradición da cita, rematou co paseo de chimpíns. Xa se coñecía que este ano, o encontro dará comezo coa proxección da versión cinematográfica de
Eroski Paraíso, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, que se proxectará en Cans o vindeiro xoves 23 de maio. Ademais o festival xa confirmou as figuras que estará presentes no seu Torreiro de estrelas este ano e que deixarán nel as súas. O director Rodrigo Sorogoyen, a actriz e cantante Leonor Watling e El Gran Wyoming pasaran este ano pola localidade porriñesa a deixar a súa pegada neste evento dedicado principalmente á competición e difusión do xénero da curtametraxe. O premiado director Juanjo Giménez tamén fará acto de presencia en Cans. Outro nomes do audiovisual tamén pasarán polas actividades do festival como a actriz Melania Cruz, recente Premio Mestre Mateo, o director da multipremiada
Dhogs, Andres Goteira, Chelo Loureiro , Álvaro Gago, Diana Toucedo, Victro Duplá, Fernando Cortizo, Nieves Rodríguez e o director e guionista alemán Hannes Stöhr..
Amplía a nova>>
07/05/2019
O Festival Primavera do Cine recoñece o vigués David Hernández
Na noite do pasado domingo fechaba as súas portas a oitava xeira do festival Primavera do Cine de Vigo. No seu palmarés, o director local David Hernández impúxose como claro vencedor ao obter o Premio do Xurado e mais o do público á mellor longametraxe galega por
La Felicidad de los Perros. Canda a el,
Alva de Ico Costa levou o galardón á mellor longametraxe lusófona por parte do xurado, que tamén lle outorgou unha mención especial a
Deslembro da brasileira Flavia F. Castro.
.
Amplía a nova>>
26/04/2019
O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición
A compañía escénica Queiman e Pousa presentaba onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a proposta coa que queren sumarse ás homenaxes a Antonio Fraguas por mor do Día das Letras.
Amantes da Terra é o título do espectáculo que estrearán o vindeiro 4 de maio en Vilalba e no que, canda ao Bruxo Queiman e a Andrea Pousa, participan a Banda de Unión de Lantaño, as do Val da Mahía e de Salvador de Camanzo e mais o grupo de gaitas e baile Foula a sumar un cento de persoas sobre o escenario. .
Amplía a nova>>