Atalaia

Faros
2006 - 2008. Fotografía
Medidas: 130x130 cm.

Andrés Pinal. Faros. 2006-2008.

16 fotografías b/n de unha serie de 28 en total. 130x130 cm. cada unha.

Colección CGAC, Santiago de Compostela.

O total de faros ampliados é de 28, fundamentalmente os así sinalados como faros nun mapa de estradas de Michelín, e a maiores de tres localizados durante as viaxes. A característica común a todos eles: a súa maior ou menor accesibilidade por estrada. A esencia deste traballo queda descrita neste pequeno texto:

A lista de agradecementos

Se teño que sinalar o elemento máis significativo de todo o traballo de campo destes tres últimos anos (2006-2008), non sería ningunha das construcións fotografadas, nin as miñas cámaras de fotos, nin as dúas películas empregadas e xa hoxe desgraciadamente desaparecidas (technical pan e scala), nin as cartas náuticas e o mapa de estradas co que encontrar cada faro (e máis todos aqueles paisanos e autóctonos que completaron a información do que non estaba no papel), nin o tempo gris e anubrado sen o que non tiro nin unha foto..., non sería nada disto, non.

Se hai algo que determinou este traballo, foi o meu coche. Aqueles que me coñezan saberán, con máis redondez da que eu podo describir aquí, a dimensión desta frase. Ese coche impregnouno todo e determinou cómo accedín e me acheguei a moitos faros. El foi unha especie de estudo rodante onde todo ía cobrando forma e o que foi contaminando e cohesionando todos os elementos durante as viaxes. Foi o refuxio no peor tempo e desde el, a cuberto do seu portón traseiro, tiráronse non poucas imaxes con chuvia. Ese coche converteuno todo nunha especie de road-movie fotográfica. El, o que foi o meu Jeep Cherokee 2.1 t.d. granate, encabezaría a miña lista de agradecementos.

Voluntariamente, o traballo está incompleto, hai un único faro non fotografado con esta fin (hai outros faros documentados gráficamente pero que non están na serie por motivos plásticos (emprego esta horrible palabra para non dar máis explicacións, aínda que sospeito que estou fracasando). Daquela, este faro sería materializado por un motivo afectivo

As imaxes son positivadas a negativo completo, sen recortes nin reencadres, nun tamaño de 120 x 120 cm., en papel baritado brillante Ilford e con virado ao selenio. Montadas en aluminio e presentadas a sangue, baixo cristal brillo e un marco negro satinado de 5 cm. de ancho.

Texto: Andrés Pinal