Atalaia

Esquerda: Enrique Tenreiro. S/T. 2012. Madeira de carballo. 140x35x30 cm. / Dereita: Xoti de Luis. S/T. 2012. Mixta sobre lenzo. 60x73 cm.
> Xoti de Luis + Enrique Tenreiro. Encontra2
Datas: 21/06/2012 - 30/07/2012

Descrición

"O encontro entre Xoti de Luis e Enrique Tenreiro foi voluntario, desexado. Quixeron atoparse no espazo expositivo sen necesidade de búsqueda de diálogo; pintura e escultura, textura e cor, os negros, os vermellos, grises ou brancos non necesitan intérpretes.

Xoti de Luis regresa, entre os negros de pátinas do tempo, a Casa Enrique. Entre os negros augurios do desolador presente, abríndose entre azuis e grises de betúns e trementinas, unha fiestra branca, como aquela sobre a mesa de lápida invertida da tasca, devólvenos un atisbo de ilusión e de esperanza.

Por isa, ou por outra fiestra, asómanse as pasións corpóreas en vermello e branco de Enrique Tenreiro. O vello e inerte madeiro é espido pola gubia do escultor, descubrindo as súas concavidades e convexidades, arrincando en cada golpe o seu pasado, ata que seduce coa súa sinuosidade e, por fin, resucita. Cubrindo o seu pudor, vístese de branco, aínda que, en ocasións non poda ocultar o seu rubor."

Texto: Valle García

Fonte: Galería Monty4