Atalaia

Vari Caramés. Fotografía da serie Mar aberto. 2012
> Vari Caramés. Mar aberto
Datas: 03/05/2012 - 15/09/2012

Artistas

Vari Caramés

Comisariado

Manuel Olveira

Descrición

A obra fotográfica de Vari Caramés (Ferrol, 1953) establece unha comunicación entre a ollada do fotógrafo e a do espectador a través da suspensión temporal dun instante e dunha atmósfera tenues que destacan elementos que nun principio posúen un carácter máis ben secundario pero que conforman finalmente un universo espazo-temporal no que repousan obxectos e seres que apelan aos aspectos máis profundos e persoais daqueles que contemplan as súas imaxes. As fotografías que conforman Mar aberto, realizadas polo artista galego no cárcere de Teixeiro e no CAPD de Sarria conseguen que o espectador se interne de xeito extremadamente respectuoso nun mundo lonxano e descoñecido para a maioría da xente a través dos detalles, de pequenos instantes de múltiples e diferentes historias que xurden agora a través da cámara revelando ante o observador os puntos comúns e recoñecibles entre o seu mundo e estes outros.

A carón de Mar aberto, a Fundación Luis Seoane exporá unha serie de imaxes históricas do sanatorio de Conxo, entre as que se inclue o Album de Conjo. Trátase dun álbum editado en 1907 que recolle vistas do edificio e das actividades deste centro psiquiátrico de Santiago de Compostela, unhas imaxes nas que se aprecia a distribución do edificio, tanto en función dos seus usos como da separación por clases sociais. As fotografías que integran o álbum documentan a concepción decimonónica e o imaxinario da asistencia ás persoas con problemas psiquiátricos e dan fe dunha forma de entender a psiquiatría, da práctica médica asociada ás disfuncións psíquicas, das fronteiras do aceptable e normativizado e da exclusión e reclusión que padecían algúns colectivos e persoas.

Ambas as dúas exposicións formarn parte de Encontro: Artes pola Integración, un proxecto multidisciplinar cuxo propósito é establecer un diálogo con diferentes organizacións, institucións e persoas coa fin de promover un maior coñecemento da realidade de individuos e colectivos recluidos en centros de internamento, hospitais psquiátricos, centro penitenciarios e outros espazos similares. Estas propostas desenvolveranse en diferentes centros culturais da cidade: o Centro Coreográfico Galego, o Centro Ágora, o Teatro Rosalía de Castro, a Fundación Luis Seoane, o CGAI e a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga.

Fonte: Fundación Seoane