Atalaia

Valentín Paz-Andrade: Galiza como tarefa. Imaxe da exposición na Fundación Seoane
> Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa
Datas: 07/02/2012 - 06/05/2012

Descrición

Coincidindo coa homenaxe da que será obxecto o escritor e economista Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo 1987) o Día das Letras Galegas 2012, a Fundación Luis Seoane dedícalle á súa obra e á súa traxectoria vital unha exposición comisariada por Xosé Díaz Arias de Castro coa que pretende ofrecer unha visión ampla dun personaxe polifacético: poeta, ensaísta, activista político, empresario... resulta difícil encadrar a un home que compartiu tempo, inquedanzas e iniciativas cos máis grandes representantes da cultura galega do século XX: Castelao, Luis Seoane, Vicente Risco, Otero Pedraio, Díaz Pardo, Alexandre Bóveda e un longo etcétera de escritores, intelectuais e políticos que protagonizaron momentos de especial calado histórico como a proclamación do Estatuto de Autonomía de Galicia, o estalido da Guerra Civil e posterior represión franquista, a supervivencia e o desenvolvemento da cultura galega tanto dentro como fóra das nosas fronteiras e, finalmente, a Transición, onde xogou un destacado papel como representante de Galicia.

Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa divídese en 25 seccións, ordenadas na súa maior parte cronolóxicamente, nas que o espectador atopará documentos orixinais, fotografías da época, mapas, debuxos, maquetas, diferentes obras de arte e documentos audiovisuais: un percorrido exhaustivo pola biografía, a creación, o compromiso e o inmenso esforzo de Valentín Paz-Andrade por reivindicar Galicia como nación, cultural e económica, e dotala dos medios e instrumentos necesarios para superar un atraso de séculos que impedía o seu desenvolvemento completo e o seu posicionamiento como enclave estratéxico dentro do espectro económico do século XX.

Fonte: Fundación Seoane