Atalaia

H5 (François Alaux, Hervé de Crécy & Ludovic Houplain). Logorama. 2009. Imaxe da curtametraxe
> Type in Motion
Datas: 01/12/2011 - 01/04/2012

Comisariado

Andreas Janser

Descrición

A Fundación Barrié presenta na súa sede de Vigo, e por vez primeira en España, Type in Motion, unha exposición do Museum für Gestaltung Zürich (Museo do Deseño de Zurich, Suíza), comisariada por Andreas Janser, conservador deste museo. A exposición, composta por case 120 obras de máis de 80 deseñadores, ofrece un amplo panorama sobre os cambios da comunicación e os medios no mundo contemporáneo e mostra as tendencias máis salientables no ámbito do texto en movemento, a través de vídeos musicais, secuencias de títulos e créditos de películas ou instalacións interactivas en tres dimensións. Estes eixos centrais do estenso universo da tipografía dinámica rodéanse de anuncios e curtametraxes, fachadas multimedia, gráficos animados para televisión e radio, postais dixitais e logotipos dos máis variados lugares do noso planeta.

Sexa na pantalla do noso ordenador, na televisión ou mesmo nas fachadas dos edificios, e debido á dixitalización da vida cotián, en moitas ocasións atopámonos diante do fenómeno de texto en movemento. Esta exposición quere mostrar estas novas maneiras de “ler o mundo”. Os deseñadores empregan todo o seu inxenio para utilizar fontes tipográficas dinámicas nunha gran variedade de dispositivos. Deste xeito amplían e modifican as distintas maneiras que temos de “ler o mundo”. Reaccionamos con maior atención, acadamos unha enorme cantidade de información que se actualiza constantemente. O ritmo destes textos sincronízase, a miúdo, coa música ou os sons que percibimos simultaneamente.

Ritmo e música. O texto animado nunha imaxe en movemento encóntrase intimamente asociado coa música en moitas ocasións. No caso dos vídeos musicais esto faise especialmente evidente desde o punto de vista acústico e visual coa letra das cancións que se poden ler e escoitar simultaneamente, reforzándose e, ás veces, animándonos a cantar ao unísono. Unha serie de videoclips de artistas como Prince, Alex Gopher, No Doubt, Wir sind Helden, Kanye West o Yello demostran que o que no seu día foi novidade, madurou para estenderse a todos os xéneros e estilos musicais.

Cine e publicidade. As longametraxes adoitan comezar cunha secuencia de títulos cuxo deseño e contido crea o ambiente axeitado para o mundo da película en cuestión. Unha tipografía animada pode contribuír a que a inxente cantidade de texto dos créditos finais, se presente dunha maneira atractiva. Do mesmo xeito, nas curtas publicitarias as posibilidades de deseño van desde unha letra sobria e funcional ata as presentacións tipográficas xoguetonas ou monumentais que invaden o espazo.

Espazos públicos. As fachadas multimedia dominan desde hai algún tempo edificios completos e atraen cada vez máis a nosa atención no espazo urbano. Un exemplo disto sería o eBoard, que tende a substituír ao cartel impreso xa que permite o uso dunha sucesión de textos para acadar unha alta densidade de información nunha superficie limitada. Outra das súas vantaxes é que permite a actualización permanente dos textos. A introducción do aspecto de movemento amplía as posibilidades da publicidade exterior, admitindo unha serie de novas características de gran impacto.

Fonte: Fundación Barrié