Atalaia

Vista da exposición
> Tamara Feijoo. Epílogo de paisaxe e nubes
Datas: 03/11/2017 - 01/04/2018

Comisariado

Alberto Carton

Descrición

Epílogo de paisaxe e nubes é o título do novo proxecto de Tamara Feijoo (Ourense, 1982) co que a artista, partindo de tres obras de Luis Seoane, Paisaje y nubes, Galicia e S/T, unha xilografía e dúas augadas realizadas na década dos sesenta, leva a cabo unha intervención específica na que establece unha conexión entre diferentes espazos do interior e o exterior da Fundación Luis Seoane a través dun proceso de traballo estruturado en diferentes niveis que se comunican entre sí, no que transfire a análise e o estudo de elementos tridimensionais realizados con arxila e outros materiais a un plano bidimensional de debuxo que, posteriormente, se materializará nunha sala de exposicións, a contorna do patio e o muro superior deste en forma dunha serie de collages e murais.
 
O interese da artista por estas tres de pezas vai alén do estudo e análise formal dos procedementos técnicos principais empregados por Seoane, como son a pintura, o gravado ou o debuxo. Feijoo decántase pola capacidade do creador galego para idealizar e sintetizar a paisaxe a través de manchas e expresivos planos de cor, habilidade a artista incorpora aos recursos estéticos que emprega para elaborar as pezas que conforman esta mostra, dando lugar a unha serie de paisaxes interiores onde as superposicións de planos e as ensamblaxes de soportes dan forma a unhas estruturas que trascenden o espazo expositivo, creando ao mesmo tempo un elemento de fuga cara esa mestura de mar, ceo e pedra que rodea o edificio da Fundación. 
 
Epílogo de paisaxe e nubes establece asimesmo unha conexión co ciclo Crónicas desde a Seoane, iniciado en 2014, no que se convidaba a novos creadores galegos a elaborar un proxecto partindo da obra de Luis Seoane, e no que, ao longo dos últimos anos participaron artistas como Misha Bies Golas, Damián Ucieda, Tatiana Medal, Kiko Pérez e Carlos Maciá.

Fonte: Fundación Luis Seoane