Atalaia

Qué pasa aí fóra?, II. 2010. Fotomontaxe sobre metacrilato, 80 x 65 cm
> Sheila Pazos. Por que todo debería ter sentido?
Datas: 04/11/2010 - 17/12/2010

Artistas

Sheila Pazos

Comisariado

Mercedes Rozas

Descrición

Baixo o título de Estado Crítico: 10 comisarios - 10 artistas, este proxecto abre unha nova andaina “moi interesante para o pequeno e modesto espazo do que dispón esta sala, un traballo que será visualizado desde fóra como algo de maior calibre do que é”, asegura Xosé Manuel Buxán Bran, coordinador do proxecto. Ao longo de dous anos, dez artistas escollidos “con total liberdade” por 10 críticos ou xornalistas vencellados ao mundo da arte de distintos medios (La Voz de Galicia, El País, Diario de Pontevedra, Tempos Novos, El Correo Gallego, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Faro de Vigo, La Región e a Radio Galega), irán expoñendo unha obra feita, na meirande parte, para a ocasión tras un traballo conxunto entre artista e comisario e para o que a Sala Alterarte serve de escenario onde “darlles cancha e xuntalos a todos”. Para a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras, “entender a arte é entender ao ser humano. Ter na universidade unha sala como esta non só axuda a visibilizar o traballo dos novos artistas, senón que consegue transmitir a idea de que hai que formarse de xeito integral e que a cultura é fundamental”.

A primeira en estrear a mostra é unha xovencísima pontevedresa case recén saída da facultade pero cunha ampla traxectoria artística. Sheila Pazos (Xenebra, 1986), comisariada pola crítica de arte de La Voz de Galicia, Mercedes Rozas, enche a Sala Alterarte dunha obra en dous tempos nas que o home e a cidade son sempre os protagonistas. A primeira, ideada no 2008 e denominada Homes de asfalto xoga coa camuflaxe, con cores moi grises. “Son filla de emigrantes. Eu nacín en Suiza e cando tiven que vir aos 14 anos supuxo un cambio moi importante na miña vida. E toda esta parte reflicte a marca que deixou en min a miña cidade natal”, razoa Pazos. Sen embargo, tras regresar a Suiza hai apenas ano e medio toda a súa perspectiva mudou. “Tíñao idealizado, dinme conta de que xa o tiña superado e de que necesitaba algo máis do mundo dos soños”, recoñece. De aí xurdíu a segunda parte da mostra, Que pasa aí fóra?, moito máis colorista, mestura de perspectivas, fantasía “e con moitos trazos oníricos, como querendo escapar da racionalidade”.

Fonte: Sala Alterarte / Noemí Rey (novembro 2010)