Atalaia

Sebastián Romo. Tropicalia. 2001.
> Sebastián Romo. A vontade das cousas
Datas: 11/06/2009 - 13/09/2009

Comisariado

Víctor Palacios

Descrición

A presente exposición é un despregamento, un panorama do traballo que Sebastián Romo (México D. F., 1973), produciu durante quince anos de traxectoria profesional. É necesario precisar que a noción de traballo alude aquí a unha práctica ou proposta artística no sentido máis amplo do termo e non a un conxunto de obras coidadosamente elixidas para satisfaceren as habituais esixencias (cronolóxicas, xenéricas ou temáticas) dunha exhibición con carácter retrospectivo. A intención desta mostra é outorgar a maior visibilidade posible á dita práctica artística e pór énfase naqueles elementos, procesos e accións que poden identificarse como eixes vertebrais desta. Ao respecto, cómpre sinalar que os ditos eixes ou directrices tales como o intermitente vínculo do traballo coa natureza, o uso e tratamento da imaxe fotográfica e o vídeo ou a execución de intervencións escultóricas en espazos públicos manteñen unha constante interacción, un desenvolvemento concomitante no cal un campo de acción depende do outro e viceversa.

A práctica artística de Romo caracterizouse por xerar procesos de investigación e produción a longo prazo nos que destaca un interese por conxugar disciplinas, soportes e métodos construtivos. O punto de partida da súa traxectoria (1993) está vinculado aos preceptos estéticos e ás solucións formais que caracterizaron o land art da década dos setenta. Por conseguinte, nun inicio, Romo produce obras efémeras elaboradas con materiais encontrados in situ e en espazos abertos onde a natureza, o contexto específico e a paisaxe aparecen como protagonistas, materia prima e fonte de reflexión sobre a arte mesma. Deste incipiente período formativo e autodidacta baseado na experimentación de materiais e medios xorde con prontitude a necesidade de facer incursións nos debates e estratexias formuladas pola arte posconceptual dos noventa e, simultaneamente, unha serie de nocións, elementos e vivencias que marcarían o devir da súa práctica como a paisaxe, a idea de límite, o sitio específico, a relación entre a acción e o seu rexistro, a dimensión temporal da escultura, a viaxe, o espazo como materia, o azar, o debuxo como ferramenta de memoria e ficción, a palabra, a manipulación da imaxe fotográfica, o ámbito público, a metrópole, e a vontade como interrogante e pedra de toque, entre outros. A modo de paréntese cabe mencionar que durante este mesmo proceso de definición, Romo habita algúns anos en Río de Xaneiro. Esa experiencia resultaría así mesmo determinante debido ao afortunado contaxio que sofre dos postulados teóricos de Ferreira Gullar sobre a vivencia estética e a sensualidade plástica que caracterizaron a arte neoconcreta brasileira. En particular, os traballos de Lygia Clark e Hélio Oiticica desencadearon no artista mexicano un desexo por involucrar outras persoas no seu traballo e explorar as vertentes sociolóxicas e históricas do seu labor, xa fose a través do cine, da arquitectura ou da idea moderna de monumento ou escultura pública.

O título da exposición maniféstase como un enunciado aberto, como unha proposta capaz de abarcar ou suscitar distintas aproximacións arredor do complexo e polémico concepto de vontade, tanto desde unha perspectiva estritamente filosófica como desde un enfoque máis coloquial. A fin de contas, que é a vontade? Esta pregunta e a mención deste concepto condúcennos irremediablemente ao pensador Arthur Schopenhauer (1788-1860) e á súa célebre e influente obra O mundo como vontade e representación. En termos xerais, o filósofo alemán propón, a partir do pensamento kantiano, as ideas platónicas e o seu profundo estudo da cultura hindú, unha metafísica da moral na que argumenta detalladamente como a vontade é a clave para explicar, desde o noso foro interno, os grandes enigmas do universo.

Na práctica de Sebastián Romo, indagar, rascar e volver a pescudar na vontade humana, a vontade da natureza e a vontade de todo canto existe é unha manía que alimenta e convulsiona o seu impulso creativo. De igual xeito que Ismael na novela de Melville, Sebastián cuestiona o porqué das accións irracionais que moitas veces marcan o rumbo dos acontecementos. Por último, mencionar que o traballo recente de Romo é permeado, segundo as súas propias palabras, por un intenso desexo por volver a atención á raíz, á esencia da arte. Por simple que pareza, a observar o traballo e despoxalo, na medida do posible, de accesorios e mediacións. Algo, talvez, que poida equipararse ao que Guillaume Apollinaire argumentou hai case un século nas súas meditacións sobre as esixencias, particularidades e virtudes da pintura cubista. No seu ímpeto por transmitir este desexo, Romo parece encarnar a seguinte sentenza do poeta francés: "É tempo de sermos os amos. A boa vontade non garante a vitoria".

Fonte: CGAC