Atalaia

Rafael Cidoncha. Un retrato de "A.L.T." (André Leon Talley), 2011. Óleo sobre lenzo. 220 x 180 cm
> Rafael Cidoncha. Un retrato de A.L.T.
Datas: 26/09/2011 - 18/11/2011

Comisariado

Román Padín

Descrición

Un retrato de A.L.T. (André Leon Talley). Este é o título da nova exposición que ocupa a Sala Alterarte e tamén é literalmente o seu contido. O espazo expositivo do campus ispe os seus muros para albergar un único cadro, un retrato de André Leon Talley, referente internacional da moda desde o seu posto como editor da revista Vogue, realizado polo pintor Rafael Cidoncha (Vigo, 1952). O universo efémero e moderno da moda vístese coa contundencia e o clasicismo do século XVIII para amosar toda a súa maxestuosidade e poder.

A exposición, inaugurada pola vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, forma parte do ciclo Estado Crítico. 10 comisarios / 10 artistas, concibido por Xosé Manuel Buxán, comisario para os anos 2011-12 da Sala Alterarte. Apunta Buxán que a sala "dá unha volta de torca máis e introduce novas xeracións e proxectos antagónicos aos anteriores co obxectivo de enriquecer a traxectoria de Alterarte".

Esta volta de torca xeracional e estética débese ao artista protagonista da mostra e á súa obra. Tal e como explica Román Padín, o comisario da exposición, "Rafael Cidoncha é un sobrio artista da escola figurativa española cunha longa traxectoria profesional como retratista de reis, ministros, alcaldes e todo tipo de figuras destacadas da sociedade actual". Un curriculum moi diferente ao dos novos artistas emerxentes saídos da Facultade de Belas Artes que ata agora participaron en Estado Crítico.

Para a súa mostra, Cidoncha escolleu un único retrato de André Leon Talley que pintou en base a unha fotografía que lle realizou persoalmente a este personaxe e que completou con sesións de posado. "André veu a unha festa de aniversario miña e os que alí estabamos ficamos fascinados coa súa presenza. A súa imaxe evocábanos aos retratos dos papas de Velázquez pois é unha persoa que move o aire ao seu redor". Como retratista, decidiu plasmar esta aura especial nun retrato en gran formato, de 220 por 180 centímetros.

Román Padín salienta tamén que a elección desta única obra para a mostra "retoma a idea neoclásica da peza única, exhibida con pulcritude e pureza de liñas, e concentra a atención dos visitantes nunha soa liña, sen que exista horror vacui". Alén de reclamar esta atención para a obra, o comisario Padín destaca que con esta exposición se pretende tamén acadar "unha posta en valor da escola figurativa española, unha das máis apreciadas a nivel internacional". Con estes obxectivos de fondo, o crítico anima a gozar da sutil relación entre arte e moda que transpira esta obra e o paradóxico de que o personaxe, retratado dun xeito clásico, o sexa precisamente polo seu éxito en "converter a evanescencia das coleccións de moda en gozo circunstancial dunha fotografía".

Fonte: Rosa Tedín (DUVI, Diario da Universidade de Vigo) / Sala Alterarte. Campus de Ourense.