Atalaia

Graciela Sacco, videoproxección sobre táboas brancas e parede negra
> Proxecto Costa da Morte -en Santiago-
Datas: 26/05/2011 - 29/07/2011

Comisariado

Manuel Sendón

Descrición

Proxecto Costa da Morte é o resultado de convidar tres artistas a traballar na zona de Fisterra, sen ningunha esixencia narrativa ou descritiva. Non se trataba de realizar tres reportaxes sobre esta zona, senón de convertela en territorio de creación artística, de xeito que aparecese reflectida só na medida en que eles determinasen libremente en función dos seus proxectos estéticos. A exposición é un proxecto do tamén fotógrafo Manuel Sendón, e xa fora presentado anteriormente no Faro de Fisterra, no 2010, e no Museo do Mar, Vigo, entre febreiro e maio de 2011.

 Luis González Palma (Guatemala, 1957, residente en Córdoba, Arxentina), evoca en Ara Solis o mar como medio para a viaxe, o soño e a fantasía. E pide a participación do visitante, a través da escritura nunhas postais dunha reflexións sobre a viaxe, o mar unha lembranza...

Fran Herbello (Menziken, Suiza, 1977, residente en Aldán, Cangas do Morrazo), presenta Bonito, 18 de xaneiro de 1960, e réndelles unha homenaxe aos mariñeiros afogados do barco Bonito e ao seu avó, morto nas mesmas circunstancias. Deixa de lado os materiais fotográficos convencionais para que o sol produza directamente as imaxes sobre teas negras similares ás empregadas no loito.

Graciela Sacco (Rosario, Arxentina, 1956), aborda con Calquera saída pode ser un encerro os significados tan diferentes que pode ter o mar. Un medio de vida, un camiño para a emigración, pero tamén o causante da soidade ou da morte.

 Fonte: Factoría Compostela / Manuel Sendón