Atalaia

Isaque Pinheiro, São rosas, senhor... são rosas!. 2002. Cerámica de Valadares, 210 x 200 x 57 cm. Col. CGAC. Vista da obra no interior dunha das capelas da Igrexa da Universidade.
> Mystique [Fondos das cols. CGAC e Fund. ARCO]
Datas: 30/11/2011 - 07/01/2012

Comisariado

Christina Ferreira

Descrición

Artistas: Carles Congost / Vivek Vilasini / Jorge Barbi / Manuel Vilariño / Maria Pia Oliveira / Sofia Jack / Anthony Goicolea & Richard Orjis / Brigitte Kowanz / Jiri Georg Dokoupil / Antoni Tàpies / Isaque Pinheiro / Din Matamoro / Christian Boltanski / Jack Leirner / Elmgreen & Dragset / Mónica Alonso / Marie-Jo Lafontaine / Joan Fontcuberta / George Rousse.

O CGAC presenta, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, unha exposición na Igrexa da Compañía cunha serie de obras seleccionadas dos fondos da súa colección e da Colección Fundación ARCO/IFEMA, nunha proposta comisariada por Christina Ferreira, unha das profesionais responsables do departamento de exposicións do CGAC.

A obra Mystique de Carles Congost abre esta mostra que pretende dialogar coa igrexa, a través dunha serie de obras de arte contemporánea que nos levan a ese concepto tanto relixioso como filosófico e literario que é o místico: experiencia moi difícil de acadar na que se chega ao grao máximo de unión da alma humana co Sagrado.

Na nave central da igrexa recreouse un cubo branco a modo de sala de exposición convencional onde preside a fotografía La última cena-Gaza do artista multimedia hindú Vivek Vilasini, que recrea a bíblica escena protagonizada por mulleres ataviadas co shador para chamaren a nosa atención sobre a súa problemática social. A fotografía de Jorge Barbi recolle a súa intervención dun minarete que se fusiona coas torres da catedral no ceo compostelán. Manuel Vilariño debuxa unha gran cruz de pemento, cruz efémera e olorosa pola que serpea a pegada dun réptil; símbolo dunha mística pagá. Maria Pia Oliveira fotografa unha instalación monocromática de algodón creando así sensacións de levidade e ascensión. Sofia Jack, cunha pequena escultura de aceiro inoxidable, ironiza sobre a muller de hoxe en día representándoa como unha deusa Shiva de múltiples brazos e múltiples tarefas. Anthony Goicolea & Richard Orjis nun repetitivo autorretrato deste último, para representar unha comunidade relixiosa cuxos membros acaban sendo moi similares entre si. Saíndo da sala e dialogando cos altares das naves laterais podemos ver Aura, a escultura lumínica de Brigitte Kowanz que se xunta coa instalación de Carlos Pazos, un curioso bodegón tridimensional titulado La flor de los errores. Cunha estética pop, a acuarela de Jiri Georg Dokoupil representa unha escena de iluminación relixiosa. O maletín de Antoni Tàpies, Amic i amat, reinterpreta aquela obra de Llull en que o amigo é o crente e Deus o amado. Na capela, Isaque Pinheiro recrea o mito do milagre das rosas (uns pans que se transforman milagrosamente en rosas protagonizado pola raíña Sabela de Portugal), cun despregamento de elementos de porcelana que forman unha gran rosa. Outra transformación de tipo máis naturalista pero non por iso menos milagroso, énos suxerida por Din Matamoro coa súa obra El agua se agitó y se puso blanca, unha interesante pintura plana que adquire relevo coa distancia. No altar maior, Reliquaire de Christian Boltanski composto por caixas ocas de metal que van subindo en forma piramidal e salpicadas de curiosas caixas de luz que iluminan uns vellos retratos fotográficos. A peza Hole de Jack Leirner, forma tres ocos minimalistas onde se recollen os restos e detritos de papeis, deseños e marcas. Asentada fronte ao altar maior, A voda, unha obra irónica e litúrxica de Elmgreen & Dragset. A obra de Mónica Alonso, Color de carne triste 2 forma parte da serie TrB (transplantes de beleza) coa que investiga as diferentes calidades psicolóxicas das cores. Observando no seu contorno ás persoas que sofren de tristeza, angustia ou marxinación, trata de plasmar esas tonalidades apagadas que adquire a pel con esas emocións. Unha carcasa baleira, como pegada da carne, subliña esa tristeza, ese baleiro emocional. Marie-Jo Lafontaine móstranos nun fermoso vídeo, Passion, a súa contemporánea visión da paixón, mentres Joan Fontcuberta enlaza unha antiga técnica de representación como é o mosaico coa fotografía dixital e internet para, recrear a obra de Gustave Courbet, L'Origine du Monde (1866). A exposición remata coa peza Santiago, unha fotografía da intervención de George Rousse realizada no vestíbulo do CGAC, na que o artista representa o plano topográfico do Fujiyama, un lugar de peregrinación xaponés que dialoga con outro lugar de peregrinación como Santiago.

Fonte: CGAC