Atalaia

Sen título. 2014
> Misha Bies Golas. Cousas que non serven para que
Datas: 12/12/2014 - 07/02/2015

Descrición

"A imaxe como xeradora de sentido é a columna vertebral da obra de Misha Bies Golas (Lalín, 1977). Unha suspicacia de curta e pega, de fotografía e reseña, de colecta e arranxo, que garda esencias de Max Ernst e de Hans Peter Feldman, de Kandinsky e de Arthur Cravan, de Ionesco e de Lorca. (...)

A tarefa do recolector asume un significado de reaxuste cultural. Patear a Cervantes nun improvisado balón de fútbol, atopar a calidade estética da cinza dun cigarro que pelexa por ser obra artística, converter o obxecto en representación e a representación en obxecto para así desdicir a man do propio autor e rachar a estrutura guiada da propia Historia da arte. No traballo de Misha Bies Golas hai secuencias, estruturas fílmicas, hai antollos de objet trouvé, hai ritmos de Duchamp e de Fellini, hai colaxe e fotografía, hai a historia da literatura universal e todo este constructo, técese para discorrer un fío de crítica audaz que carece de sentido en por si nunha imaxe única. A idea de punctum de Roland Barthes esvaécese para executar un traballo de engarce de pezas. Por si soa a imaxe dá un sentido asumido, en conxunción con outras, convertida en obxecto, adquire capacidades de revelación que son o eixo do traballo de recolector de Misha Bies Golas. (...)

En Cousas que non serven para que Misha Bies Golas consegue dar outra volta de porca ao traballo iniciado coa súa presentación de Dispositivo (2011) e reiterado na súa recente peza colectiva 27 negros (2014) presentada no CGAC ou nas súas pezas editadas, como na nietzscheana A modo de conclusión (2011) ou en Grosso modo (Hai que estar tranquilos) (2011)".

Texto: Mónica Maneiro Jurjo

 

Entrevista a Misha Bies Golas. Zigzag Diario (TVG)