Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
"Gústame pintar quizáis porque esta actividade é moi física. Hai que compoñer coa materia, a pintura, o soporte, … e todo iso paréceme unha resposta interesante á total desmaterialización dos obxectos, das imaxes, na que estamos inmersos.
Creo sinceramente que hoxe en día as categorías tradicionais non teñen moito sentido para entender ou tentar definir o que se presenta como pintura. A nosa experiencia contemporánea é fragmentaria e está fondamente marcada pola nosa percepción da imaxe, do obxecto, da mercadoría.
Penso que hai un antes e un despois no mundo a partir do momento no que os mercados monetarios internacionais abandonan o patrón ouro e, progresivamente, deixan flotar a apreciación do valor das moedas nos mercados financieiros. É curioso que, nese momento, no 1972, tamén no mundo da arte entramos de cheo nun cuestionamento de valores no que o último avatar sería a crítica postcolonial e de xénero a toda nosa construción cultural e escrita da historia da arte.
No que me atinxe persoalmente, todo o que produzo procede dunha actitude pictórica, material e conceptual, de posicionamento fronte ao mundo que fai que todos os elementos que emprego no meu traballo estén sempre pensados e representados dentro dunha referencia á pintura como campo de reflexión, produción de formas e dispositivos de visibilidade.
Lapsus é o título dunha serie de obras nas que unha forma xeométrica determinada (círculo, rectángulo, trapecio, óvalo...), ponse en relación cunha superficie pintada na parede. A forma, apoiada simplemente no chan, establece unha correspondencia espacial coa pintura e invita a comparar as súas proporcións.
Estas formas, realizadas en materiais distintos, opacos ou translúcidos (metacrilato, policarbonato, contraplacado, pladur, cartón ondulado, PVC,...), interpelan a parede que as recibe así como a función decorativa e formal do plano de cor que as anima."
Miquel Mont
Fonte: Galería Trinta