Atalaia

Miguel Mosquera. Obra na súa exposición Nun lugar do mundo Oregón (Ourense), 2011
> Miguel Mosquera. Nun lugar do mundo Oregón
Datas: 21/10/2011 - 18/11/2011

Descrición

Nun lugar do mundo Oregón (Ourense) é o título da exposición que Miguel Mosquera (Ourense, 1953), presenta en Gondomar, no Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, IEM. Introducida polas intervencións do artista Fino Lorenzo -un dos responsables da programación expositiva da sala-, e do escritor e xornalista Camilo Franco -compañeiro de camiño ourensán nas aventuras culturais e artísticas de Mosquera-, a mostra presenta unha escolma de diversos traballos que o propio artista cualifica como unha mirada indignada desde a arte á realidade. O conxunto mostra unha combinación entre as súas coñecidas composicións abstratas, con anacos de madeiras, obxectos atopados e un tratamento de cores básicas, conformando estruturas xeométricas non exentas da súa particular poética dos mínimos cotiáns, e, doutra banda, obras que mesturan o traballo pictórico, a cociña de texturas nas superficies, coa incorporación e transferencia de imaxes extraídas do amplo universo fotográfico e mediático no que vivimos inmersos -desde guepardos ata retratos de Miles Davis, pasando por colaxes e restos de vellos carteis nas rúas-, pulsando así as chamadas ás súas persoais iconografías e tamén á confluencia cunha sociedade fragmentada –no espazo, no territorio, mesmo na construción das vivendas-, pero recoñecible na vocación dos acenos comunitarios.

Link a vídeo-rexistro da inauguración da mostra na Aula de Cultura "Ponte de Rosas", Gondomar:

http://www.youtube.com/watch?v=twpfGa_JxTU&feature=player_embedded

Fonte: IEM, Instituto de Estudos Miñoranos / Atalaia