Na obra de María Xosé Díaz, a utilización de materiais humildes, a paciente manufactura dos mesmos, a estrutura xeométrica coa que consegue alcanzar altas cotas harmónicas, a relación coa contorna natural, os encontros casuais con obxectos que poderían pasar desapercibidos e que se converten en elementos fundamentais para a construción das súas esculturas, a fascinación pola procura da luz, as transparencias e os reflexos, así como a confluencia de todas estas calidades cos espazos que son intervidos pola escultora, configuran un microuniverso de sensacións estéticas de primeira magnitude poucas veces conseguidas na plástica contemporánea.
As esculturas de María Xosé Díaz son como fragmentos de vida coas que consegue transmitir unha fonda emoción a través de recursos mínimos que poden ser susceptibles de actuar sensorialmente sobre os estados de ánimo e crear sensacións perceptivas pracenteiras no espectador.
Esta mostra retrospectiva, comisariada por Antonio Garrido Moreno, péchase coa presentación da última obra realizada pola escultora nos dous últimos anos nos que desenvolve un proxecto escultórico co que trata de fixar no tempo aspectos da súa contorna máis próxima, do interese que sempre tivo polo seu xardín. Son obras optimistas nas que o branco dun novo material, a escaiola, fixa as follas das plantas que celosamente plantou e viu crecer ao longo de trinta anos. Tamén dentro deste grupo de obras intimistas hai que destacar a intervención que a escultora realiza nun dos espazos do Auditorio onde incorpora unha celosía, un elemento arquitectónico de xardín que alude metaforicamente á relación artista-obra-espectador, onde a obra facilita o paso para que ao través dela a artista deixe ver e ao mesmo tempo poida sentir a reacción do público que fala da obra e se implica nela. A celosía é un muro permeable, livián, que o espectador pode traspasar e tén, obrigatoriamente, que traspasar para adentrarse no mundo artístico e persoal de María Xosé.
María Xosé Díaz 1980-2010 (Textos)
Fonte: Auditorio de Galicia