Atalaia

María Meijide. Sillón . 2011. Mixta sobre lenzo. 180x180 cm.
> María Meijide. Amigos, amores e outras cousas
Datas: 14/12/2012 - 06/01/2013

Artistas

María Meijide

Descrición

María Meijide (Santiago, 1978), presenta na Galería Metro un total de corenta pezas en diferentes formatos e técnicas, fundamentalmente pintura sobre tea, acuarela sobre papel e tamén debuxos e colaxes. Todas elas corresponden ao traballo desenvolvido durante 2010-2012 entre Compostela e Lisboa e conforman unha especie de itinerario persoal.

Unha produción, figurativa e realista, que se nutre precisamente da base material desta vida máis ou menos itinerante: os diferentes espazos que se habitan, que se visitan, os obxectos que se usan, a roupa, os amigos e amores que se viven, (que se anhelan talvez...!). Así se propón un percorrido que, en consonancia co espazo expositivo, poderiamos dividir en tres momentos: asuntos de exterior con paisaxes e vista dende a ventá; asuntos de interior con salas, cociñas, libros e demais aparataxe do cotián; e cada vez máis cara a dentro, nun estrato máis profundo ou persoal, escenas de dormitorio.

Neste sentido podemos falar dunha pintura de corte intimista e cun forte trazo autobiográfico, pero por outro lado, e un pouco en contradición cabe apuntar aquí que non hai ningunha vocación documental explícita, nin tan sequera de relato. E é que estas teas non pretenden grandes significados ou grandes transcendencias... (o cal non deixa de ser toda unha pretensión). Estas pinturas non significan cousas, senón que as representan, e isto parece situarnos máis en relación ao como que ao que, máis en relación ao pracer de facer coa súa vinculación ao obradoiro que á proposta de narrar nun sentido estritamente conceptual ou literario. E é que talvez esta produción se insira naquela ampla tradición que traballa, dende a repetición e o oficio, e dende tempos inmemoriais, en contra da idea de grandeza: unha pintura concentrada no cotián e que se ven cultivando dende sempre: Paisaxe, natureza morta ou mesmo pintura de flores (case sempre relegada polo discurso construído da alta cultura...). E non obstante esta pintura de cousas, tal como a entende a artista, non necesita especialmente de discursos, senón que é unha busca de sentido en si mesma. A natureza morta, de vocación radicalmente materialista, rexeita toda idealización, e implica unha insubmisión, unha subversión de valores conducida a niveis.

Por outro lado e moito máis interesante, ou cando menos, máis simpático, esta pintura apela aos sentidos, ao pracer, ao desfrute a través do substrato material da vida. Ao igual que nos gusta unha persoa, e non adoitamos preguntarnos polo significado desta... se é que o ten, e a saber se queremos realmente sabelo, a pintura de María Meijide ten máis que ver coa sedución que coa lingüística ou a interpretación, coa erótica en definitiva, máis que coa hermenéutica.

Link: Entrevista en Espacio de Arte, Correo TV.

Fonte: Galería Metro