Atalaia

Manuel Colmeiro. 1939. Maternidade
> Manuel Colmeiro
Datas: 25/09/2012 - 25/09/2013

Descrición

Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901 - Salvaterra de Miño, 1999), foi unha figura fundamental da pintura galega. Dende os anos vinte o seu traballo insírese no Movemento Renovador da arte galega, tamén coñecido como Os Novos. A súa obra é debedora da vangarda internacional e crea unha figuración inspirada en elementos da tradición popular, atendendo tamén a temas como a paisaxe ou a esceas de contido social.

Nas súas primeiras obras utiliza unha paleta sobria, con figuras estáticas e certo aire primitivista, en que se evita a individualización das faces, dotando o cadro dun aspecto escultórico; velaí óleos como Vagón (1930). Nesta altura a súa obra evidencia o seu valor testemuñal, tratando as figuras -anónimas e populares-, como Campesiña (1934), dun xeito que as converte en iconas por medio das que o pintor proxecta a súa mirada comprometida sobre unha sociedade en plena loita pola súa transformación.

As súas paisaxes son basicamente humanizadas, vividas desde a procura dunha identificación plena co medio no que se mora. Somete os motivos da tradición da pintura de paisaxe galega anterior (paisaxe rural con labregos) a un proceso de estilización (Faenas do campo, 1934), produto da contemplación estética da realidade, creando ritmos curvilíneos de contido dinamista (Paisaxe, 1934). O pintor desenvolve en varios núcleos temáticos iconas poderosas que reflicten a súa fondura etnolóxica: labregos nos seus labores agrarios; maternidades como deusas-nai (Maternidade, 1939), que agochan un sentido subterráneo e mesmo dramático, modelos femininos con ese carácter de emblemas da muller labrega que lle permiten construír uns valores e referencias xenéricas de matriz alegórica.

No exilio, tras a Guerra Civil, Colmeiro constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, na que a evocación do mundo galego é unha constante. A lembranza e o soño coa terra distante pasan a un primeiro plano. A súa pintura é unha maneira de reencontro, pero tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio, como en Muller con floreiro (ca. 1956-60). A pintura madura de Colmeiro mantén os seus principios figurativos e os mesmos motivos temáticos, que constitúen auténticas series, como é o caso das Panadeiras e as Romarías. Dálle unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos e regresa á súa paisaxe natal e nutricia. É unha pintura que torna constantemente ás fontes máis fondas das sensacións auténticas da vida.

Fonte: Concello de Vigo / Vigocultura.org