Atalaia

Lee Miller, Execución pública de László Bardossy, ex-primeiro ministro fascista de Hungría, Budapest, 1946. Fotografía b/n
> Legendary Lee Miller
Datas: 21/06/2011 - 11/09/2011

Artistas

Lee Miller

Descrición

A sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña presenta unha exposición do traballo fotográfico de Lee Miller (Poughkeepsie, Nova York, Estados Unidos, 1907 - Farmley Farm House, Sussex, Reino Unido, 1977), a través dunha escolma de imaxes que afondan nalgúns dos acontecementos máis destacados do segundo terzo do século XX.

Ao longo dos seus setenta anos de vida, Lee Miller destacou como fotógrafa en campos tan dispares como a moda ou como correspondente de guerra. Seus son algúns dos retratos máis coñecidos de grandes artistas do seu século como Picasso, Man Ray, Max Ernst, Joan Miró, entre outros, ademais dalgunhas das imaxes máis impactantes da II Guerra Mundial.

Lee Miller impregnou o seu traballo da influencia surrealista que lle veu dada pola relación que mantivo co tamén fotógrafo Man Ray e o círculo de artistas no que se movía: Marcel Duchamp, Picasso, René Magritte, Jean Cocteau e o que sería o seu segundo home, o británico Roland Penrose. Das reportaxes de moda pasou a correspondente de guerra para a revista Vogue, converténdose así nun dos casos máis curiosos e representativos do que hoxe coñecemos como fotoxornalismo.

Fonte: Fundación Caixa Galicia - Novacaixagalicia