Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Por primeira vez de forma conxunta, e en Galicia, a parella formada por María Treviño (1975, Madrid) e Juan Gallego (1972, Madrid), mostrarán ao público as súas últimas obras.
"O noso traballo pictórico, aínda tendo en ambos os dous casos a realidade como referente, presenta diferenzas significativas no xeito de abordala -comenta Juan Gallego-. Loxicamente esta foi unha das nosas principais preocupacións á hora de decidir cómo enfocar esta exposición, xa que tiñamos claro que debía posuír un fío condutor común".
O proxecto plástico In/Animados, que está composto por unha quincena de pezas, é a xustaposición entre algúns dos que foron os conceptos clave no traballo destes dous artistas dos últimos anos: o orgánico e o inorgánico, o móbil e o estático, o vivo e o inerte, a figuración e a abstracción.
"Baixo estas coordenadas levamos a cabo toda esta serie de pinturas, mediante as cales tratamos de indagar e penetrar na nosa realidade máis inmediata", afirma María Treviño. "É unha condición indispensable en toda creación que aspire á categoría de artística porque non debemos perder de vista o feito de que malia o seu compoñente estético e pracenteiro, a arte, e a pintura en particular, son ferramentas de coñecemento tan necesarias como imprescindibles para interpretar o mundo que nos rodea".
Na traxectoria destes novos artistas destaca a súa presenza nalgunhas importantes salas de exposicións tanto nacionais como internacionais, así como a súa participación en feiras como ARCO Madrid, ArtBo en Bogotá, Colombia ou KIAF en Seúl, Corea. Juan Gallego xa foi galardoado en numerosas ocasións por importantes entidades como Caixa Madrid ou BMW, mentres que a obra de María Treviño encóntrase nalgunhas das coleccións privadas máis importantes a nivel nacional.
Tarros, botes, frascos, recipientes de cristal cheos de pedras, seixos, cantos rodados e outros elementos que conviven en diferentes planos e distancias, protagonizan Transparencias, unha das serie que presenta María Treviño e na que xa ofrece todo un repertorio de recursos visuais que continúa noutra serie, Agua y aire. Ar e agua, respiración e inmersión dos bañistas que contorsionan os seus corpos baixo o líquido elemento e posibilitan, unha vez máis, que Treviño poda desenvolver os seus virtuosos exercicios de planos visuais e transparencias.
No caso de Juan Gallego o seu foco céntrase nos mundos vexetais e minerais, nos inanimados aos que fai referencia o título da mostra, abordándoos a base de encadres de primeirísimos planos que oscilan entre o enfoque e o desenfoque, sen perder as referencias e o xogo entre a parte e o todo. Deste xeito, as plantas, flores, escadas, recunchos de ferruxe ou madeiras, manteñen a súa lexibilidade visual pero progresan como se quixeran acadar outro estadio pictórico que, cun efecto zoom máis intenso, levaría ata unha progresiva abstracción como a que abrira no seu día a traxectoria do pintor alemán Gerhard Richter.
Indefectiblemente, a exposición In/Animados ofrece para o público a posibilidade sempre entusiasta de aproximarse cara as obras e preguntarse aquilo de ¿é un cadro ou é unha fotografía? E, para mostra, que mellor que unhas imaxes da inauguración.
Fonte: Atalaia / Galería Moret Art