Atalaia

José Luis Loureiro. Vista da mostra na Galería Atlántica Centro de Arte
> José Luis Loureiro. Homenaxe á escritura e outras construcións
Datas: 01/12/2011 - 28/01/2012

Descrición

"Primeiro coñecín a súa obra. Máis tarde, como sempre procuro facer, coñecín á persoa, ao artista, e podo dicir que tanto José Luis Loureiro (Narón, A Coruña, 1943), como os seus traballos non me defraudaron.

A súa obra é límpida, formal e, senón moi traballada, si moi pensada -pensando tamén se pinta en profundidade-; ao dicir que non é traballada, non falo dun demérito, senón da intencionalidade de deixala, segundo a época, dun xeito ou doutro.

Luis é un autodidacta cunha grande bagaxe de experiencia no campo do outro debuxo: o xeométrico, que é absolutamente necesario dominar para desenvolver, empregando moi ben a xeometría. Non é por casualidade que me interesa a obra de Loureiro, falamos pictóricamente a mesma linguaxe, e con el é fácil atopar lugares comúns na aplicación da xeometría descritiva.

Falamos sempre dun artista importante que está chegando ao cumio da súa carreira. Carreira conseguida, non sen grandes esforzos, e apoiándose no traballo. ¡Qué razón tiña meu admirado amigo José María Moreno Galván ao dicir e soster que todo artista importante ten os seus ascendentes no mundo da arte! Véñenme á memoria, entre outros moitos, Sol Lewitt, Malevich e, xa máis próximos, Morandi e Gerardo Rueda.

Eu felicito de veras ao artista, cunha forte aperta ao amigo."

Texto: Luis María Caruncho

Link a imaxes da inauguración da mostra

Fonte: Galería Atlántica Centro de Arte