Atalaia

José Andrés Santiago. Sen título, da serie Nipponadas, 2010. Impresión dixital e xilografía, 38 x 28 cm
> José Andrés Santiago. Nipponadas
Datas: 16/12/2010 - 28/01/2011

Descrición

José Andrés Santiago (Santiago de Compostela, 1981) presenta na Galería Espacio48 novas pezas da súa serie Nipponadas, un conxunto de imaxes que mesturan fotografía, gráfica dixital e técnicas calcográficas tradicionais. Son obras que presentan unha forte influencia da estética oriental, e constitúen un claro referente tanto á cultura xaponesa tradicional como ao imaxinario colectivo que temos creado dela, onde se combinan aspectos tan dispares como o universo kitsch que a envolve, o manga, a escrita xaponesa ou o ukiyo-e, todos eles presentados diante dun espectador capaz de recoñecer e revisar esta iconografía popular en sucesivas lecturas verticais, así como de interpretar dun xeito subxectivo a experiencia nipona por parte do autor. Estas últimas obras son, daquela, estampas plantexadas a modo de estratos, formados por varias capas de contido reinterpretable. Evidencia da atracción do artista pola cultura xaponesa, tanto na temática como no xeito de proceder, meticuloso, coidado ata o extremo, cun trazo dun perfeccionismo innato, unha factura única, un dominio da técnica e un control das calidades matéricas do soporte que refrendan o seu alto grao de profesionalidade.

José Andrés Santiago licencióuse en Belas Artes pola especialidade de pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo en 2004, acadando o Premio Fin de Carreira, e obtendo despois o título de Doctor en Belas Artes pola mesma universidade. Desde o ano 2005 pertence e traballa no Grupo de Investigación dx5 [digital & graphic art research], integrado no Departamento de Debuxo da universidade viguesa, especializado en gráfica contemporánea.

Fonte: Galería Espacio 48