“Ao longo dos últimos vinte e cinco anos, Jorge Barbi percorreu case diariamente a mesma paisaxe. Este ‘pasear’ supón un íntimo exercicio físico e espiritual no que o artista se confronta coa paisaxe apenas alterada da súa infancia, e co cal mantén unha estreita relación emocional. A partir desta práctica sinxela e cotiá pero profundamente arraigada, Barbi extraeu do lugar —da súa xeografía— todo o repertorio de imaxes, obxectos e ideas que conforman o seu pensamento artístico.
Se ben a maior parte da súa obra está asociada a unha dimensión escultórica —dende a mera apropiación de obxectos atopados ata a manipulación máis elaborada—, non será ata finais dos anos noventa cando o seu traballo se materialice en diferentes series fotográficas que parten dunha observación minuciosa da natureza e as súas transformacións, e da súa atracción pola versatilidade formal que adoptan os seus variados accidentes.
Durante os últimos dez anos, o rexistro desas imaxes constitúe un extenso arquivo e á vez unha topografía ‘localizada’ de fenómenos temporais. Para a súa realización, o artista asumiu unha dobre función: a dun científico e a dun poeta, para un espazo e tempo determinados.
Para a súa exposición no marco de Vigo, o punto de partida constitúeno varias series de fotografías realizadas nos últimos anos, xunto cunha coidada selección de pezas anteriores, de modo que a partir deste conxunto se poidan establecer novas lecturas do seu traballo. Por outra banda, a noción de retrospectiva queda cuestionada non só en termos dunha suposta lóxica cuantitativa, senón sobre todo polo feito de prescindir dun esquema cronolóxico que tende a limitar as capacidades de evocación poética e sensitiva da obra.
O xeito de asociar diferentes traballos no espazo, a importancia do baleiro, a emanación dunha luz propia ou externa, as diferentes formalizacións en definitiva que estas imaxes poden adoptar... todo iso está presente nun xogo de tensións e equilibrios co fin de que o feito expositivo se converta nunha verdadeira experiencia sensorial para a audiencia.
Catro das series referidas correspóndense con diferentes accidentes naturais que o artista foi descubrindo nos seus paseos diarios. Na súa materialización a dimensión temporal xoga un papel decisivo. Así, en Charcas e Excrementos de gaviota, as rochas aloxan ocos e detrito sedimentados lenta e persistentemente; e do mesmo modo, nas series Espuma e Paisajes de arena, trázanse as formas caprichosas dun tempo fugaz e irrepetible. Por outra banda, Barbi prolonga a sorpresa do encontro ao desdobrar simetricamente estas imaxes co obxecto de extraer novas formas insospeitadas e inquietantes.
A serie Antes/Después recolle as transformacións producidas tanto na paisaxe coma no contorno cotián do artista. Non hai subxectividade ningunha nestas imaxes, tan só a aséptica constatación dos cambios que reflicten o paso do tempo.
Os elementos atopados que xeran estes traballos están representados nun esquemático mapa persoal en torno a unha liña de costa de 20 quilómetros, formando unha topografía circular e concentrada que podería definirse como un ‘arquivo de descubrimentos’, verdadeiro diario visual e poético do artista ao longo do tempo.
Este proxecto inclúe tamén unha selección de pezas de diversa natureza realizadas polo artista ao longo de toda a súa traxectoria. Máis que atender a unha vinculación temática coas series fotográficas antes expostas, favoreceuse a inclusión de obras que poidan establecer conexións transversais, de modo que o resultado se ahegue máis á idea dunha paisaxe emocional. Para iso, e entre outras pezas, inclúense Reconstrucción (1989), Little Bang (1993), ou Solutio Perfecta (1997)”.
Juan de Nieves
Comisario da exposición. Fonte: MARCO