Atalaia

Pamen Pereira. 2011. O invernadoiro da temperanza. Vistas da instalación no interior das dúas torres-invernadoiro de John Q. Hedjuk na Cidade da Cultura. Foto: Manuel G. Vicente
> Inside
Datas: 16/12/2011 - 16/12/2012

Descrición

A Cidade da Cultura presenta a mostra Inside, na que oito intervencións de artistas contemporáneos mostran unha nova visión do complexo arquitectónico. A cada un dos autores propúxoselles o reto de realizar unha obra que, sen arredarse en ningún momento do eixe discursivo do seu traballo, poida orixinar un diálogo cun espazo arquitectónico tan singular como o do Gaiás.

Comisariados por Rafael Doctor Roncero, os artistas convidados a participar en Inside son: Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Peiranes e Damián Ucieda. Aos seus traballos hai que sumarlle ContainerInside, a obra colectiva resultante do I Encontro de Artistas Novos celebrado en setembro 2011 na Cidade da Cultura, onde cen mozos creadores puideron compartir e debater sobre o posicionamento actual do artista e o devir da produción artística contemporánea.

Marlon de Azambuja (Sto. Antônio de Patrulha-TS, Brasil, 1978). A súa obra relaciónase coa poética do brasileiro Movemento Concreto, do que retoma intereses como a síntese do complexo e a identidade aberta dun contorno que agora é o protagonista.

Elena Fernández Prada (León, 1978). O seu traballo centrouse en observar e representar un tipo de o cotián alterado, en concreto as edificacións de tipo unifamiliar que adoitan poboar a paisaxe rural de Galicia. A súa aproximación a esta realidade é de carácter lúdico e sumamente intuitivo.

Alicia Martín (Madrid, 1964). Unha das constantes da súa obra é a utilización case obsesiva do libro como materia prima. A metáfora do tempo, a ocupación do espazo, a relación da arte contemporánea coa cultura, a memoria bibliográfica como representación física do coñecemento, son algún dos elementos que configuran o seu imaxinario.

Pamen Pereira (Ferrol, 1963). Os seus comezos están marcados polo uso de elementos de contido simbólico como a auga, o aceite e a luz, cos que realiza instalación cunha forte compoñente poética que sobrevviiu na súa obra posterior. Obras cargadas de simboloxía que toman como punto de partida elementos da natureza e obxectos domésticos.

Jorge Perianes (Ourense, 1974). Malia que formado como pintor, na actualidade dedícase maiormente á escultura e á instalación. A súa obra reflexiona sobre a natureza, os animais e o ser humano desde temas que nos afectan na época actual: o fragmento, a ruína, o baleiro, o home-neno, a ambigüidade, a inseguridade.

Damián Ucieda (A Coruña, 1980). A obra de Damián Ucieda entréganos a mirada máis comprometida coa nova fotografía narrativa, na que a posta en escena dos personaxes, a iluminación e as marcas de autor son claves para a construcción dunha verdade paralela e inquietante, invadida por enigmas e cuestións sen resolver.

Anexo á Biblioteca de Galicia, os cen creadores do I Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura contarán co seu propio espazo a través do ContainerInside, estrutura modular convertida en sala de exposición, biblioteca e centro de documentación co material editado por todos os participantes.

Proximamente, nunha segunda fase, Inside abrirase ao público, que tamén poderá facer a súa propia intervención grazas ás ferramentas tecnolóxicas que Anna Carreras e Ramón Illobre porán a disposición de todos os visitantes no Museo de Galicia e coas que poderán xerar unha obra e expoñela de forma virtual no último dos edificios do Gaiás aberto ao público.

Anna Carreras (Barcelona, 1979). Enxeñeira de Telecomunicacións especializada en Informática aplicada a medios audiovisuais, os seus traballos desenvólvense no campo do uso das tecnoloxías interactivas a tempo real -realidade virtual, realidade aumentada ou interfaces físicas- como ferramenta de comunicación.

Ramón Illobre (Santiago de Compostela, 1981). Programador interactivo con ampla experiencia no desenvolvemento de campañas de comunicación, algunhas delas premiadas en recoñecidos festivais de publicidade como Cannes Lions-Internacional Festival of Creativity ou San Sebastián.

Fonte: Cidade da Cultura