Atalaia

Guillermo Charlín. B08, serie Bruma. Técnica mixta sobre tea. 25x25 cm
> Guillermo Charlín. Bruma
Datas: 02/03/2012 - 08/04/2012

Descrición

Logo de expoñer varias veces de xeito colectivo, Guillermo Charlín (Cambados, 1968), volta a Vilagarcía de Arousa, pero agora en solitario, xusto 25 anos despois de obter o primeiro premio do V Concurso de Pintura Concello de Vilagarcía. Faino, ademais, utilizando un título similar, porque se en 1987 aquela obra súa gañadora foi Bruma sobre rosa, agora a exposición titúlase só Bruma, nome da serie principal de obras presentadas, xunto con outra complementaria, Huellas.

Premonición? Só casualidade? Non o sabemos, pero o que si parece claro é que para o pintor cambadés residente en Santiago de Compostela, o xogo de ver/non ver, percibir/intuír, claro/escuro, por outra parte tan presente na Historia da Arte, é fundamental. Desta volta, Guillermo engade un novo elemento no seu xogo: un punto, negro, claro, nítido, fronte ás figuras veladas, que se intúen baixo unha bruma que consegue a través dun particular uso do látex.

En certo modo, o xogo/proposta que fai o artista é como a vida mesma: cando necesitas lentes e vas sen elas pola rúa, ver ves igual, pero non ves o mesmo. Todo depende cómo enfoques o que ves ou queres ver. Como na colección de Bruma, hai moitas cousas que non vemos con claridade, que mesmo temos que intuílas, pero sempre buscamos un punto de referencia. Así pois, intuamos, imaxinemos, disfrutemos con esta singular proposta, pero non perdan de vista o punto. Nin as huellas. Chegarán a Guillermo Charlín.

Fonte: Sala de Exposicións A. Rivas Briones