Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Germán Gómez. Condenados

Atalaia

Germán Gómez. 'Condenados'. Vista xeral da exposición na Sala Alterarte, Ourense, 2012.
> Germán Gómez. Condenados
Datas: 09/11/2012 - 11/01/2013

Artistas

Germán Gómez

Descrición

A identidade dunha persoa está formada en boa parte pola influencia dos outros. As parellas, os familiares, os amigos, as experiencias que deixan cicatrices ou os momentos de felicidade, entre outras moitas cousas, compoñen o quebracabezas do que é cada persoa. Con esta idea de fondo, o fotógrafo Germán Gómez (Xixón, 1972), presenta na Sala Alterarte do Campus de Ourense tres das obras da súa serie Condenados. Nelas, o artista asturiano, asentado hai anos en Madrid, reflexiona, a través da fotografía e do corpo masculino nu, sobre a identidade e o home.

"O traballo de Germán Gómez é case de artesanía, de traballar coa fotografía cortando, cosendo, superpoñendo pezas", explica Xosé Manuel Buxán, comisario da mostra. Deste xeito, a mostra conseguiu reunir tres pezas da serie nas que se pode apreciar o retrato de tres homes nus, compostos cada un deles por superposicións de anacos de corpos de outros homes, que se cosen e se mesturan para facer unha única silueta.

"A obra reflexiona sobre a identidade, sobre quen somos realmente, abordando creativamente a cuestión de que ata onde o propio corpo nos define e ata que punto ten relevancia o outro na definición dun mesmo", subliñou María Lameiras, Vicerreitora do Campus de Ourense, durante a inauguración de Condenados. A exposición permite "ir máis aló da evidencia, da primeira imaxe que se mostra, e profundar na verdadeira identidade da persoa". Por este fondo que subxace ás obras de Germán Gómez expostas e pola súa calidade estética, a vicerreitora quixo salientar que a mostra é un excelente peche da programación deste ano 2012 na Sala Alterarte.

No marco de dous proxectos diferentes. "Un rostro e un corpo son a suma de moitos rostros e de moitos corpos, das herdanzas familiares en gran medida, máis tamén dos reflexos de amizadas e das parellas pasadas, presentes e quizais mesmo futuras. Así, as obras de Gómez son novas construcións corpóreas xurdidas tamén das cicatrices e das costuras da dor, das engurras de ledicia, das penetracións de dor e pracer duns homes marcados por innumerables continxencias, á vez únicas e múltiples", apuntou Xosé Manuel Buxán. Facendo fincapé na calidade da mostra, o comisario quixo destacar "que as fotografías de Germán Gómez contan cun amplo eco no eido artístico, sendo esta a primeira exposición individual que realiza en Galicia e sendo moi difícil reunir obra súa, xa que boa parte dela está en coleccións privadas".

Condenados forma parte da programación da cita fotográfica de referencia en Ourense, o Outono Fotográfico, ao que o campus de Ourense se une acollendo un total de seis exposicións. Segundo salientaron María Lameiras e Xosé Manuel Buxán, a exposición tamén constitúe a mostra de peche do proxecto artístico Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas, que durante case dous anos trouxo á Sala Alterarte exposicións comisariadas por destacados críticos de medios de comunicación e realizadas por novos creadores. Estado Crítico, explicaron os responsables da sala, terá continuidade en 2013 coa celebración dunha segunda edición na que os comisarios serán esta vez docentes da propia Universidade de Vigo.

Fonte: Rosa Tedín, DUVI, Diario da Universidade de Vigo / Sala Alterarte, Campus de Ourense.