Atalaia

Fernando García. Canaval. 2015. Foto: MARCO/Enrique Touriño
> Fernando García. Canaval
Datas: 13/11/2015 - 24/01/2016

Comisariado

Ángel Calvo Ulloa

Descrición

Canaval, a proposta de Fernando García para o ciclo Intertextual, parte da instalación 249 Litros, que inaugurou este espazo en xaneiro, e fai un aceno a algúns dos aspectos máis definitorios daquela primeira intervención de Carlos Maciá. A ocupación case total do espazo, o dominio da horizontalidade, a forza da cor, o acabado mate ou a textura daquel gran volume que colapsou o Anexo, son agora os aspectos cos que dialoga esta penúltima entrada de Intertextual.

O proxecto de Fernando García comezou a materializarse durante a estanza que entre xaneiro e xuño de 2015 o levou a Canadá, onde foi acumulando grande cantidade de moedas dun dólar sen unha intención concreta, pero que tras a viaxe de volta, funcionan como un elemento foráneo traído aquí, testemuña da viaxe e do propio proceso de recolección. Estas insírense nas fendas practicadas nunha serie de canas de bambú, descubertas durante unha viaxe a El Puerto de Santa María, onde comezaron a postularse como elemento a utilizar e que agora cobran protagonismo nesta instalación. Ao mesmo tempo, García establece unha relación entre o interior e o exterior do Anexo por medio dunha serie de fotografías tomadas en Galicia, durante a viaxe que realizou en novembro de 2014 ao MARCO e que se enmarcan en molduras realizadas en granito.

Existe en Fernando García un interese definitorio polo traballo cos materiais, polo proceso e polo encontro que se produce entre as diferentes partes que configuran a obra. Canaval xunta a necesidade de participar activamente en cada un dos pasos que a configuran e a expectación fronte ao comportamento de cada un dos materiais elixidos, tanto en conxunto como por separado. Neste aspecto, ao coidado posto na realización das fendas no bambú, únese a introdución desas pequenas moedas e a dúbida que se prolonga ata que esa unión ten lugar. O mesmo acontece coas fotografías e o granito, que falan neste caso do circundante, da propia arquitectura do museo e do que está do outro lado das súas paredes. A unión supón, en ambos os dous casos, non só o achegamento entre dous materiais cuxa relación é para el un interrogante, senón o papel que os tempos de cada acción operan tamén en todo este proceso.

Prodúcese así un encontro entre a horizontalidade inicial fronte á verticalidade das canas, a viveza da cor utilizada por Carlos Maciá fronte á frialdade da proposta de García, así como entre o acabado mate en contraposición ao brillo das moedas e do propio bambú, que toma como referencia o lugar ocupado entón, xerando unha memoria espacial que se insire neses límites.

Fernando García, como nos seus traballos previos, presta especial atención ao acontecido anteriormente no espazo no que traballa, así como na viaxe e nas condicións nas que saca adiante cada obra. Neste caso, a viaxe a Galicia non pasou inadvertida, como tampouco o material que neste caso compón a estrutura do Museo de Arte Contemporánea de Vigo ou os que veu utilizando nos meses previos.

Fonte: MARCO