Atalaia

Eulália Valldosera. Lazos familiares #1. Vinculo materno. 2012. Fotografía cor.
> Eulália Valldosera. Luz sin noche
Datas: 26/04/2012 - 01/06/2012

Descrición

Eulália Valldosera (Vilafranca del Penedés, Barcelona, 1963), recoñecéuse no noso país, a finais dos anos noventa, como a figura xeratriz dun xeito de facer que percorre transversalmente todos os medios desde uhna actitude político-persoal crítica respecto de cuestións de xénero, produción e contexto expositivo. As súas instalacións lumínicas e a súa capacidade de escenificación mediante obxectos cotiáns e o emprego da tecnoloxía anticiparon a concepción da práctica artística como un medio que xera eventos específicos mái ca obxectos finitos e facilmente arquivables polos organismos de poder establecidos. Grande parte das obras que se puideron presenciar na súa exposición do MNCARS (2009), saíronlle á luz naqueles certames internacionais que durante os anos 90 principiaron uhna nova forma de presentar a arte contemporánea a nivel global de mans dos primeiros comisarios independentes que decidiron traballar desde a periferia cara o centro.

Luz sin noche é o titulo baixo o que a artista presenta as súas dúas últimas series fotográficas, cumprindo así once anos desde a súa última exposición no espacio da galería SCQ. Lazos Familiares (2012) e Lugares de Trabajo (2006), continúan a súa recoñecida labor como fotógrafa e investigadora do dispositivo fotográfico. As súas imaxes adoitan revelarnos a propia natureza desta técnica como un feito indisociable da luz. Os seus traballos anteriores evidenciaban a posta en escena necesaria para executar as tomas fotográficas, xa que as súas imaxes eran a suma de diversas tomas acumuladas nun único negativo. Nestas novas series, Valldosera dá o paso do mundo analóxico ao dixital, e explora de distintos xeitos a posibilidade da postprodución e manipulación da imaxe mediante os coñecidos programas de retoque fotográfico; o diálogo entre luz ou sombra, a ocultación/aparición das figuras, ás veces solapadas entre si, convídannos a ver a realidade como algo aparente, como a suma ou acumulación de capas ou niveis de comprensión que a artista procura desvelar.

Lugares de Trabajo coincide co remate dun prolongado silencio creativo da artista. A serie propón a recapitulación dese silencio mediante a toma de contacto coa oscuridade, reflexo da inactividade e do silencio precisos para asimilar todo proceso creativo. Unha mesma imaxe de partida repítese incansable en toda a serie, e da aparente oscuridade dun despacho a oscuras xorden, inevitables, os destellos dos dispositivos que o poboan, metáfora dos procesos ocultos que manexamos para construírmos un sentido ao baleiro existencial. Mediante aquilo máis difícil de reproducir, a oscuridade, a artista xera un camiño que nos leva inevitable, e progresivamente, á claridade.

Pola contra, a outra serie, Lazos Familiares, está poboada de sombras e figuras que se xuntan para ilustrar, nunha secuencia case cinematográfica, os papeis dos seres queridos, os seus roles tradicionais e a súa necesaria redefinición como esixencia da sociedade actual. As diversas constelacións familiares fálannos dos lazos ocultos que subxacen nas relacións interpersoais. Mediante a fusión de varias tomas fotográficas vemos aos personaxes dialogar coas súas propias sombras. Fánno dun xeito no que contradicen ou argumentan as actitudes que se desprenden dos seus xestos e poñen en cuestión o lugar que cada quen ocupa dentro do entramado familiar, xerando unha tensión non exenta de dramatismo.

Fonte: Galería SCQ