Atalaia

Eugenio Granell. Prestigio de las islas. 1951. Ilustración orixinal para o libro 'Isla cofre mítico', páx. 17. Tinta chinesa sobre papel, 22,8 x 30,5 cm. Col. Fund. Granell
> Eugenio Granell no paraíso centroamericano. 1940-1956
Datas: 04/07/2012 - 04/11/2012

Descrición

Eugenio Granell no paraíso centroamericano 1940-1956 enmárcase dentro dos actos conmemorativos que se celebran en Santiago de Compostela con motivo do centenario do nacemento de Eugenio Fernández Granell.

Para o Auditorio de Galicia esta exposición é recordatorio e homenaxe da mostra retrospectiva que no ano Xacobeo 1993 ocupou a sala de exposicións do Auditorio, e que foi o xerme que conduciu, dous anos despois, á creación da Fundación Granell. É por isto que, cando a fundación propón a exposición para este espazo considera oportuno que esta sede albergue, pola súa relevancia, as obras máis significativas dos fondos e a obra da primeira etapa do artista.

O traballo de selección de Pilar Corredoira nos permite coñecer a fondo a etapa do exilio en Santo Domingo, Guatemala e Porto Rico. Un momento excepcional no que Granell establece amizade con importantes autores surrealistas como André Breton, Wifredo Lam ou Roberto Matta, entre outros.

Coa obra destes amigos vai dando forma a unha importante colección privada, que podemos ver xunto a documentos, cartas, artigos en prensa ou en revistas especializadas; un universo que forma a súa equipaxe vital xa que aló onde vai leva consigo todos estes documentos que hoxe podemos ver no Auditorio de Galicia. Entre eles, documentos do seu arquivo persoal, algúns que se ensinan publicamente por primeira vez e que convidan á investigación sobre Granell e o seu mundo.

Na mostra hai obras e documentos de Eduardo Abela, Alberto, Miguel Alzamora, Víctor Brauner, André Breton, José Caballero, Oscar Domínguez, Max Ernst, Esteban Francés, Jose Gausachs, Simon Hantaï, Jacques Hérold, Juan Ismael, Wifredo Lam, Ernesto Lothar, Conroy Maddox, Maruja Mallo, André Masson, Roberto Matta, Carlos Mérida, Joan Miró, César Moro, Wolfgang Paalen, Benjamín Palencia, Manolo Pascual, Francis Picabia, Antonio Rodríguez Luna, Antonio Saura, Vlady Serge, Saul Steinberg, Toyen, e Max Walter Svanberg.

É precisamente na súa etapa centroamericana, comprendida entre os anos 1940 e 1956, cando Eugenio Granell se interna con decisión nos espazos do surrealismo e configura con determinación a súa personalidade creativa. Así, a través da súa produción artística deste período, realizada en República Dominicana, Guatemala e Porto Rico, revisamos a esencia dun labor influenciado pola súa fascinación polas illas: Granell pinta con intensidade, animado polas extraordinarias experiencias visuais, o clima excesivo e as culturas ancestrais do trópico. Son momentos brillantes, fecundos e fundamentais, que sinalarán o inicio do seu traxecto como artista e a conversión ao surrealismo, cambiando radicalmente a forma de ver o mundo.

Fonte: Auditorio de Galicia / Fundación Granell